Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
EN GALIZA

Cada mes 164 familias sofren o embargo da súa vivenda

Case a metade das execucións hipotecarias dos tres primeiros meses do ano rexistráronse na provincia de Pontevedra.

Redacción - 12:00 21/07/2009
O número de embargos ascendeu até 492 hipotecas no primeiro trimestre do ano

O número de embargos ascendeu até 492 hipotecas no primeiro trimestre do ano

Facer fronte á hipoteca é, cada vez, un maior problema para moitos propietarios. A crise económica afoga a moitos galegos que xa non son quen de afrontar o pago mensual da súa vivenda e as estatísticas revelan que o número de embargos rexistrados en Galiza se multiplican mes a mes.

En concreto, nos tres primeiros meses deste 2009, os xulgados do social executaron 492 hipotecas, segundo os últimos datos do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX). A execución hipotecaria é a acción xudicial que dá por rematados os dereitos de propiedade nunha casa cando o propietario deixa de pagar ou non cumpre coas condicións da hipoteca. Pois ben, nesta situacións atópanse en Galiza unha media de 164 familias ao mes, é dicir, rexístranse unha media de cinco procesos deste tipo ao día.

O dobre que o ano pasado
Se comparamos os datos deste primeiro trimestre cos do mesmo período de 2008, o número de embargos duplicouse. As execucións contabilizadas en Galiza eran daquela 277, mentres que en 2007 eran 147, cifras que se sitúan ben lonxe das 492 actuais. En suma, nos últimos doce meses aumentaron nun 77,6% os embargos de vivendas en Galiza por impago, é dicir, ante a imposibilidade dos cidadáns de facer fronte ás súas cotas mensuais.

No Estado Español, as cifras de embargos son aínda máis alarmantes, cun total de 23.433 execucións hipotecarias. As provincias onde máis procesos deste tipo se están a vivir son Barcelona (2.624), Madrid (2.455) ou Alicante (1.931). Ademais, os prognósticos falan de cifras aínda peores a medio prazo: o Poder Xudicial advertiu de que o fluxo de embargos aumentará outro 57% o vindeiro ano. En termos absolutos, calcula que se tramitarán 181.030 expedientes durante o 2010, é dicir, sete veces máis que os que se incoaron, por exemplo, en 2007.

Pontevedra, onde máis embargos se rexistran
Do total de 492 préstamos hipotecarios que foron executados no primeiro trimestre, case a metade (216) rexistráronse na provincia de Pontevedra. Séguenlle A Coruña, con 167 casos e, máis de lonxe, Lugo, con 60 e Ourense con 49.

Así as cousas, se facemos a comparación porcentualmente, foi a provincia de Lugo onde máis aumentaron os embargos nun ano, ao pasar dos 18 contabilizados até marzo do 2008 aos 60 do mesmo trimestre deste ano, é dicir, un 233% máis. Neste listado, séguelle A Coruña cun incremento do 83,5% (167 casos no 2009 e 91 no 2008), Pontevedra cun ascenso do 77% (216 hipotecas en 2009 fronte a 122 en 2008) e finalmente Ourense, cunha suba do 6,5% (só tres casos máis que o ano anterior: 49 fronte a 46).


Ligazóns

4/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: