Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
'Do compromiso individual aos argumentos'

15 claves para a promoción do galego

Publicadas as conclusións do curso de verán 'Traballando en lingua', que defende ir cara a un discurso "moderno, claro, rigoroso e integrador".

Redacción - 19:25 27/07/2009

O V curso de verán 'Traballando en lingua' da Universidade da Coruña (UDC), da Coordinadora de Traballadores pola Normalización Lingüística (CTNL) e do Concello de Carballo estabeleceu 15 conclusións que avogan por "cambiar o discurso" na promoción do galego.

"Cómpre dotar os discursos sobre a lingua de argumentos novos, imaxinativos, modernos, claros, rigorosos, integradores, coherentes, firmes e conciliadores". Esta é a principal conclusión das xornadas organizadas os días 15, 16 e 17 deste mes e que agora se publican, xunto con diverso material de traballo, agrupadas en 15 pautas.

O obxectivo é "elaborarmos un abano de argumentarios dirixidos aos diversos grupos sociolingüísticos existentes na complexa realidade galega". A promoción do galego, sostívose, debe estar ligada "con valores sociais positivos, coa construción de xustiza social e coas teses mantidas polo ecolingüismo (respecto á lingua territorial dun pobo)".

O galego como lingua vehicular no ensino

Ademais, reclámaselles ás Administracións públicas que cumpran co seu papel: isto é, "que retomen e difundan o discurso normalizador". "O discurso e a acción en política lingüística non pode depender de opcións políticas nin resultados electorais e ten que procurar unha identificación do idioma que nos vincule, colectivamente e por consenso, como galegas e galegos", afirmouse.

No eido do ensino, os participantes no curso consideraron, de xeito "unánime", que o galego "se debe constituír como lingua vehicular dunha parte substancial das materias". A oposición a unha segregación do alumnado por razón de lingua foi "xeneralizada", ao "contradicir tanto a lexislación como os criterios académicos e pedagóxicos".


Ligazóns

4.8/5 (20 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: