Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Críticas á Consellaría de Educación

"Prácticas caciquís" nos ceses e nomeamentos para os centros de formación do profesorado

Desde a CIG-Ensino falan de casos de nepotismo e de substitución de profesorado e directores en función de vencellos familiares con cargos do PP.

Redacción - 11:30 30/07/2009

Dos recortes que sofren os centros de formación do profesorado coa escusa da austeridade contámoslles xa o pasado martes, ao facérmonos eco da carta asinada por máis de medio cento de profesionais destes Centros de Formación e Recursos (CFR).

Agora e sobre o mesmo asunto, afondan nas críticas á consellaría desde a CIG-Ensino, recordando que a Xunta reducirá significativamente o profesorado que "apoiaba, asesoraba, formaba e fornecía de recursos aos docentes e centros educativos". Lembran que estes docentes se accederon ás súas prazas por concurso de méritos e denuncian que a administración estaría a favorecer agora o "nepotismo" á hora de substituír a profesorado cesado ou mesmo ao discernir o profesorado a continuar ou non nestes centros. "Non deixa de ser casual que se cesan sen xustificación ningunha algún profesorado mentres outro que ten vencellos familiares con cargos do PP continúan", denuncian. "Nos casos nos que se está procedendo a substituír postos faise por criterios caciquís e non a través do estipulado na normativa", aseguran desde a CIG.

Criterios "partidistas" no canto de pedagóxicos
Para os sindicalistas, o acontecido sería un novo exemplo de medida tomada polo Goberno aproveitando o período de vacacións "sen negociación e incumprindo a normativa" e amosando outra volta unha "actitude desprezativa coa representación sindical e, xa que logo, co profesorado".

Nun comunicado enviado esta cuarta feira, a CIG avalía que a Consellaría actúa con "criterios partidistas e ideolóxicos" e arrebola as críticas especialmente cara ao director xeral de Educación e Formación Profesional. "A formación permanente do profesorado é fundamental para a actualización, innovación educativa e a renovación pedagóxica, peza chave para facer máis eficaz a función docente e actuar con máis coñecementos e recursos para reducir o fracaso escolar", defenden ao respecto dos servizos postos en cuestión.


4.5/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: