Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Fusión a tres bandas coa CAM

Caja Madrid decidida a engulir Caixa Galicia

Redacción - 12:00 03/08/2009

"Só circunstancias excepcionais relacionadas coa lóxica da racionalidade económica" levaría a esta hipotética fusión dunha caixa galega con entidades foráneas, segundo a reflexión que Pedro Puy, deputado do PPdeG e estreito colaborador do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, facía para Vieiros hai poucas semanas. Preguntado especificamente pola posibilidade que comezaba a ser comentada con forza nas corredoiras financeiras, unha fusión a tres de Caja Madrid con Caixa Galicia e a Caja del Mediterráneo, aseguraba Puy que tal escenario non era hipótese real no momento actual.

Con todo, a posibilidade mantense con forza no debate, e este mesmo luns salta ás páxinas de economía do xornal madrileño El País. O diario faise eco da análise que Caja Madrid realiza da posibilidade de pechar acordo coa caixa galega e mais coa valenciana. Un proceso que, recordan, conta coa beizón da dirección do PP, con Mariano Rajoy e o seu asesor económico e ex ministro Cristóbal Montoro á cabeza.

O feito de que tanto en Galiza, como en Madrid e a Comunidade Valenciana coincidan na actualidade gobernos do PP, facilitaría ademais o proceso. Chamado a ser pilotado na sombra polo propio Rajoy, un primeiro chanzo pasa precisamente pola resolución da batalla interna na entidade financeira madrileña, onde os sectores de Esperanza Aguirre e Alberto Ruíz Gallardón, manteñen unha importante batalla na súa declarada guerra no interior do partido. De momento, neste escenario, a posición da Xunta semella secundaria e, cara ao público, o presidente do Goberno, Alberto Núñez Feijoo, evitou de momento trasladar calquera posición clara. A insinuación máis palpábel de Feijoo, producíase de feito a mediados do mes pasado, cando en conferencia de prensa á saída do Consello da Xunta, concedía que o elevado custo en despedimentos que presuntamente causaría a fusión de Caixa Galicia e Caixanova, probablemente fose un factor a argumentaren os defensores da fusión das caixas con entidades de fóra.

Acelera o proceso no resto do Estado
De xeito paralelo, as novidades sobre fusión de caixas a nivel estatal sucédense nos últimos días. Unha das últimas é a de Caja Duero e Caja España, as dúas maiores entidades de Castela e León, arredor das cales se especulaba desde hai tempo. Finalmente, veñen de sentar co Banco de España para confirmar que van adiante co proceso e que se lles une unha terceira, Caja Burgos. Serán no momento de fusionarse a sexta maior entidade do Estado.

Por outro lado, o Banco de España aprobou xa o plan presentado por Unicaja e Caja Sur para a súa respectiva fusión, nun proceso que incluiría a absorción previa de Caja Jaén por parte de Unicaja. Agárdase que o consello de administración desta última entidade aprobe esta semana o plan económico correspondente. E segue adiante sen problemas a unión de Caixa Sabadelle coas caixas de Terrassa e Manlleu.


1.53/5 (19 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: