Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Xuntanza do Consello Nacional

O PPdeG usa a crise de "coartada" para "atacar" os servizos públicos, di o BNG

A formación nacionalista anuncia o seu apoio á manifestación en defensa do galego do mes que vén convocada pola plataforma 'Queremos galego'.

Redacción - 13:30 13/09/2009
Comparecencia posterior ao Consello

Comparecencia posterior ao Consello

O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, avisou de que o PPdeG está a utilizar a crise económica como "coartada" para levar a cabo as mesmas políticas de "dereitas" que desenvolveu sempre, que son as de "atacar" os servizos sociais. "Este tipo de formulacións para favorecer os de sempre non son diferentes ás que ten o PP noutras ocasións sen que haxa crise", alertou.

Vázquez, que compareceu ante os medios ao rematar o Consello Nacional, o primeiro do curso político que comeza, acusou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, de encabezar "un ataque ao ensino público sen precedentes nos últimos anos", algo que considerou "está a percibir a sociedade".

"O goberno do PP concibe a sanidade ou o ensino como un negocio privado", engadiu, e criticou que se financien centros privados, especialmente os que segregan por sexos. Tamén, Vázquez, que centrou a súa intervención na educación, recordou a postura do BNG contraria ás iniciativas do PP como a eliminación de gratuidade dos libros de texto, "sen grande aforro dos recursos públicos".

Polo contrario, sinalou, o PPdeG gasta os cartos en "enquisas e publicidade intentando convencer a sociedade de aquelo que non é favorábel aos seus intereses", "paraliza a construción de escolas infantís" e "gasta os cartos en cambiarlles o nome", "actúa sen diálogo de ningún tipo cos pais, cos profesores, de xeito autoritario", polo que considerou "normal que se subleven".

Censurou neste senso o "afán revisionista" do PPdeG, que é "incapaz de contribuír a paliar a crise" con medidas. Neste senso, anunciou que "o BNG vai dar, coma sempre, a batalla política contra estas medidas antisociais". Neste senso, adiantou que a formación apoia a manifestación convocada pola plataforma 'Queremos galego' para o vindeiro 18 de outubro a prol da lingua.

Votación perdida pola UPG

Por outra banda, informa Europa Press, durante o Consello Nacional deste sábado a UPG perdeu a súa primeira votación após a asemblea extraordinaria de maio fronte a unha proposta realizada pola corrente que lidera Xosé Manuel Beiras, e que apoiaron os membros de Máis BNG e membros deste órgano doutros partidos como Esquerda Nacionalista.

Fontes consultadas coincidiron en que non se tratou dunha votación transcendente polas súas consecuencias, mais si subliñaron a "importancia simbólica" que ten, xa que deixa entrever que o Encontro Irmandiño será a formación "clave" para decantar as maiorías no BNG.

A votación xurdiu dunha proposta do Encontro Irmandiño que quedara pendente do Consello Nacional de xullo, en que os 'irmandiños' pediron revisar o número de representantes das comarcais que pasaron a formar parte deste órgano máximo de decisión entre asembleas.

A consideración retomouse este sábado da man do 'irmandiño' López Rico, que defendeu que a representación das comarcais debería basearse no censo do número de afiliados do BNG e non dos afiliados que podían participar na asemblea extraordinaria (que son os que tiñan as cotas ao día).

Fronte a esta postura, a UPG presentou un informe dos servizos do Bloque no que se argumentaba que se debería ter en conta o censo asembleario. No entanto, a votación gañárona os promotores da iniciativa con 49 votos, fronte aos 41 apoios que recibiu a postura oficialista (a lista liderada por Guillerme Vázquez -apoiado pola UPG- é que conta coa maioría na Executiva).

Porén, a inclusión de novos membros, que oscilará entre catro e cinco, non alterará a maioría do Consello Nacional, que ostenta tamén a Unión do Povo Galego. Así, como mínimo, formarán parte un membro do Encontro da bisbarra de Vigo, outro da UPG de Ferrol, un da Coruña (independente) e un membro da lista de Máis BNG da bisbarra de Compostela.

Malia esta votación, o ambiente que reinou no Consello foi de "paz", segundo coincidiron as mesmas fontes consultadas, que salientaron a posta en común de posturas unidas en aspectos como as caixas ou o galego.


4/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: