Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Independencia de Cataluña

Referendo en Arenys de Munt: Opinan os políticos galegos

Falamos con representantes de PPdeG, BNG, EU, FPG e NÓS-UP sobre a consulta do pasado domingo.

Fernando Arrizado - 20:30 14/09/2009

O electorado de Arenys de Munt votou o pasado domingo masivamente a prol da independencia de Cataluña. Do 41% dos censados que acudiron ás urnas, o 96% votou 'Si', fronte a un 2,28% que optou pola papeleta do 'Non'.

A porcentaxe de apoio foi mesmo maior que a rexistrada no referendo sobre o Estatut de 2006. Tamén a participación foi máis alta do agardado, por riba das eleccións europeas do mes de xuño, aínda que inferior á consulta estatutaria.

Cómpre lembrar, ademais, que o censo na votación da fin de semana foi máis amplo ca nos anteriores comicios, xa que estaban incluídas todas as persoas empadroadas de máis de 16 anos, con ou sen pasaporte español.

Como todo o mundo sabe, o resultado da votación non ten validez legal. Porén, abre a porta a que noutros concellos cataláns -e noutras partes do Estado- xurdan iniciativas similares. Falamos con representantes de diversas formacións políticas do noso país, que dan a súa opinión sobre a cuestión.

  1. Que valoración fai do referendo deste domingo en Arenys de Munt?
  2. Que pensa da posibilidade de que poida acontecer o mesmo nun concello do noso país?

  • Antonio Rodríguez Miranda, voceiro do PPdeG
  1. Non deixa de ser unha cuestión anecdótica, xa que está feita sen ningún rigor nin soporte xurídico. É un brindes ao sol, un acto folclórico de persoas con interese por se faceren notar. Consideramos que non é positivo porque utilizar ferramentas democráticas de forma desaxeitada o único que provoca é deslexitimar as institucións. Por outra banda, a cidadanía que participou foi incluso menos que no referendo sobre o Estatut.
  2. Nós respectamos todas as posicións. Podemos entender que haxa xente que por exemplo non estea de acordo co Estado das Autonomías, que prefira unha maior centralización, ou que haxa persoas que pensen que certas partes do país poidan estar separadas do resto, constituídas como nación. Pero non enredando alegremente, senón con seriedade e con respecto ao que contempla a Constitución, sen minusvalorar os sistemas democráticos. Porque este tipo de iniciativas non son boas nin para aqueles que poidan ter ese tipo de ideas. Ademais, para isto tamén están as eleccións onde a porcentaxe de persoas que así pensan se convertería en apoio ás formacións políticas que o defenden.

  • Francisco Jorquera, portavoz do BNG no Congreso dos Deputados
  1. É unha consulta lexítima, que aínda que non ten valor legal conta co pronunciamento favorábel da corporación municipal e gran valor simbólico. Nós vémola positiva porque fomenta a participación cidadá, e non comprendemos a pretensión dos poderes do Estado en tentar de evitar que se organizase, ese medo que ten detrás a sacralización do concepto case metafísico da unidade de España. Este tipo de actitudes, como a demonización do Estatut, leva a que o pobo catalán procure outras vías para colmar as súas aspiracións. No seu momento apoiamos a consulta que pretendía realizar o Goberno vasco, con máis razón apoiamos esta que emana dunha iniciativa popular.  
  2. Todas as iniciativas de participación cidadá merecen o noso respecto. Cada sociedade ten a súa dinámica e o BNG como forza nacionalista aspira a un país soberano, e a súa consecución pode vir por varias vías, entre estas a independencia. Nós estamos nun momento en que temos que mobilizar a suficiente masa crítica para castigar as políticas do PP, para conseguir un Estatuto de nación. Dar ese salto sería queimar etapas. Como forza política o BNG debe atender o país ao que serve, e en base a súa conciencia nacional obxectiva.

  1. Nós o que estamos a defender alto e claro é que isto vén provocado pola necesidade de reformar o Estado, que estea baseado nun modelo federal, solidario, onde cada unha das partes decida libremente a súa adhesión. O debate do financiamento, do Estatut, reflicten esta necesidade.  
  2. Non pode haber dobres lecturas. De feito, coido que somos o único partido que defende o dereito de autodeterminación dos pobos, que o fixo incluso cando Lizarra, coa perda de votos que ocasionou. Nós defendemos os dereitos individuais, mais tamén os dereitos dos pobos, por iso queremos un Estado federal, pluricultural e plurilingüe. Apelando como apelamos aos modelos de xestión popular, por suposto que apoiaríamos unha iniciativa similar.

  • Mariano Abalo, membro da FPG, concelleiro en Cangas pola ACE
  1. Para a FPG é unha experiencia sumamente positiva polo feito de que se fai avanzar a independencia desde o pobo.
  2. A realización dunha experiencia como esta no noso país é máis dubidoso debido a colonización brutal e secular á que foi sometido. No entanto, é un moi bo exemplo para aqueles sectores máis concienciados do país.

  • Carlos Morais, membro da Permanente Nacional de NÓS-UP
  1. Está vinculado co que NÓS-UP vimos defendendo, isto é, o dereito dos pobos a decidir, o dereito de autodeterminación. Un dereito que o PSOE ou o PP -ou aqueles partidos que se autodefinen como nacionalistas-, continuadores do réxime franquista, negan aos pobos do Estado, é igual quen goberne. Consideramos positivo tanto o resultado como a participación, moi elevada malia a criminalización que se fixo da mesma. Foi popular, pacífica e cívica, e polo que se ve vai ter continuidade noutros concellos cataláns.  
  2. Ten sentido sempre que haxa suficiente forza política e social unida. Galiza é unha nación negada polo Estado Español, e consideramos que os problemas que ten o pobo galego, no emprego, na educación, na sanidade, ecolóxicos tan graves, están vinculados directamente coa falla de soberanía nacional.

*Nota: O PSdeG declinou dar a súa opinión argumentando que "é un tema exclusivamente catalán".


Ligazóns

4.73/5 (33 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: