Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
"O tema está revolto"

"O pacto antitransfuguismo non se conculcaría en Silleda", deféndese o PP

O seu portavoz municipal lamenta que se dea por feita unha moción que aínda non é unha realidade, e acusa o PSdeG de ameazar empresarios e veciños.

I.G.C. - 13:15 17/09/2009

"Neste momento, ninguén nos pode dicir non o fagades", di Xosé Fernández Vieitez, voceiro municipal do PP en alusión ás repercusións que a anunciada moción de censura de Silleda poida ter na política galega ou, aínda máis, no panorama estatal. "O tema está revolto", asegura, mais insiste en que "as opinións e valoracións sobre unha cuestión tan seria coma esta deben agardar a que haxa algo sólido, que de momento non existe".

Cunha alcaldesa, Paula Fernández (PSdeG), que prefire non facer declaracións e a convocatoria dunha manifestación para o vindeiro domingo contraria á posíbel moción de censura que, de momento, non transcende duns continuos rumores que se remontan xa a máis dun ano atrás, case ninguén pon en dúbida que esta será presentada ben na última semana de setembro, ben na primeira de outubro.

Na actualidade, a situación é a seguinte: dos trece concelleiros dos que dispón o municipio de Silleda, o PSdeG conta con catro (nas eleccións de 2007 sumara seis) que, na práctica, se traducen en tres, xa que Xerardo Lázara, malia permanecer no grupo socialista, amosou reiteradamente e ás claras as súas discrepancias coa alcaldesa. Mentres, o Partido Popular conta con outros seis concelleiros; o BNG con un e o grupo de non adscritos suma dous, que abandonaran o PsdeG hai xa máis dun ano (Xabier Cuíña e Ofelia Rei, esta última perfílase como a posíbel cabeza visíbel do pacto co PP e probábel alcaldesa).

A esta inestabilidade aférranse os populares para xustificar a moción: "a situación de desgoberno pídeo", di Fernández Vieitez, "as circunstancias dánse, mais outra cousa é que o PP decida dar o paso", insiste. Con todo, o líder popular recorda que a súa formación sempre buscou a complicidade dos non adscritos dende o momento que abandonaron o executivo: "cando se foron do goberno, eu xa dixen publicamente que a nosa intención era falar con estas dúas persoas para intentar facer forza común e sacar adiante propostas para o ben de Silleda", recorda.

Antitransfuguismo e ameazas
"A inculcación do pacto antitransfuguismo quédanos a desmán", insiste Fernández Vieitez. Lamenta a presenza do secretario xeral dos socialistas galegos, Manuel Vázquez, en Silleda para denunciar este procedemento porque, recorda, "de momento non hai nada". Así as cousas, o popular prefire aclarar as cousas: "o que é inconcibíbel é que o PSdeG actúe contra o PP cando eles están facendo o mesmo", asegura, "non pode ser que o que é democrático en Benidorm, non sexa democrático en Silleda".

"Poden falar todo o que queiran de transfuguismo, pero esa non é a situación deste concello", di, "eu non fun buscar a ninguén a outro partido nin destruímos ningún goberno. Pola contra, de producirse a devandita moción de censura, non sería máis que a unión de dous grupos que están na oposición e que, polo tanto, fan forza común para dar resposta a unha situación de desgoberno na que vivimos hai xa máis de ano e medio. Falar de transfuguismo non é exacto para esta situación, xa que require moitos máis matices".

Finalmente, o edil popular acusa aos socialistas de exercer presións sobre veciños e empresarios: "cónstame que están a ameazar directamente a persoas, dicíndolles que se ateñan ás consecuencias", di Fernández Vieitez. "Non se pode andar pola vida desta maneira", insiste, "a manifestación do vindeiro domingo está totalmente orquestrada dende o PSdeG e dende o concello, e un goberno local non ten porque dirixir nin implicarse neste tipo de actos", lamenta. Así, e logo de máis dun ano de ruxerruxes e reviravoltas varias, todo apunta a que o futuro goberno de Silleda se decidirá nos vindeiros días.


Ligazóns

4.67/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



A alcaldesa de Silleda, Paula Fernández, lidera un goberno en minoría con catro de 13 concelleiros
A alcaldesa de Silleda, Paula Fernández, lidera un goberno en minoría con catro de 13 concelleiros
Malia que aínda non hai nada oficial, os rumores apuntan a que a moción de censura se presentará a finais deste mes ou comezos do que ven
Malia que aínda non hai nada oficial, os rumores apuntan a que a moción de censura se presentará a finais deste mes ou comezos do que ven