Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Constituído este venres en Compostela

O Comité de Rutas Aéreas tentará que Lavavolla, Alvedro e Peinador traballen como tres terminais dun só aeroporto

O funcionamento do órgano, creado polo ministerio de Fomento, pretende "captar novas rutas" e "aumentar o tráfico" aéreo en Galiza.

Redacción - 17:30 18/09/2009

O Comité de Desenvolvemento de Rutas Aéreas de Galiza, que se constituíu este venres en Compostela, traballará co obxectivo de "captar novas rutas" e de "aumentar todo tipo de tráfico" nos tres aeroportos do país para convertelos en "referentes". Así o anunciou a secretaria de Estado de Transportes, Concepción Gutiérrez. Na xuntanza tamén participaron autoridades das diferentes administracións e representantes do sector empresarial.

O presidente de Aena, Juan Lema, incidiu na necesidade de "coordinar esforzos institucionais" para estabelecer unha "estratexia común de promoción que aumente o tráfico aeroportuario de Galiza". Entre as accións que levará a cabo o comité, Lema salientou a participación na conferencia mundial Rutes, onde as compañías aéreas "seleccionan os aeroportos aos que queren voar no futuro".

Outra das funcións do comité será "realizar estudos de mercado precisos" para coñecer a situación e as necesidades dos aeródromos do país, estimulará reunións coas compañías "para que voen" a Galiza e promoverá "estratexias comúns" con outros aeroportos. Como exemplo de éxito, Lema afirmou que o Comité de Rutas de Barcelona deu "resultados extraordinarios", con 20 novas ligazóns.

O conselleiro de Infraestruturas, Agustín Hernández, cualificou a actuación estatal sobre os aeroportos de "demanda histórica" e confiou en que se traduza "nun avance técnico" para os aeródromos. Anunciou para a vindeira semana unha nova xuntanza para estabelecer o funcionamento do órgano e comezar o traballo "efectivo" en 15 días.

Algúns dos primeiros elementos que se deberán concretar serán "aumentar o tráfico de xeito gradual" e fixar prioridades en canto ao destino dos voos. Todos os presentes coincidiron na "singularidade" do sistema aeroportuario galego, como "un centro con tres terminais". Hernández apostou por evitar "localismos" e que os tres centros "non se enfronten" e funcionen "como un único aeroporto".

Finalmente, o conselleiro confirmou que as consellerías de Medio Ambiente e Cultura farán un "esforzo" económico para que os concellos poidan manter convenios coas liñas de baixo custe, aínda que "evitando duplicidades".


1.5/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: