Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
EN CANGAS

Dous mariñeiros detidos por impedir o paso de camións á obra de Massó

Varias ducias de veciños concentráronse nas portas do cuartel da Garda Civil, onde foron trasladados os detidos.

Redacción - 19:45 22/09/2009

Con dúas detencións rematou o acto de protesta espontaneamente organizado polos veciños de Cangas contrarios á construción do porto deportivo en Salgueirón. A xornada de denuncia iniciouse ben cedo, cando se correu a voz polo municipio que varios camións estaban a trasladar material de obra, pedra e terra, ao porto de Massó. Segundo explica a Vieiros Trinidad Villar, do Foro Social de Cangas, os veciños acudiron rapidamente para tratar de impedir o acceso dos vehículos.

Con todo, efectivos da Garda Civil permitiron o tránsito destes vehículos pesados, o que fixo que a tensión medrase por momentos. "Actuaron como se fosen parte da seguridade da empresa", denuncia Trinidad Villar. Ao mediodía, unha vintena de veciños mantiñan a súa concentración e protesta, cando se sumaron os mariñeiros chegados do mar, lembrando que estes traballos non contan con licenza municipal.

Foi neste momento cando se produciu a detención dos dous mariñeiros, irmáns e veciños de Cangas. Foron trasladados a un centro médico, xa que se queixaban de dor nun brazo e no pescozo como consecuencia dos arrestos. Posteriormente, leváronos ao cuartel da Garda Civil de Cangas, onde estiveron arroupados polos seus respectivos avogados. Á porta volveron a concentrarse os veciños de Cangas, quen decidiron celebrar a asemblea prevista para esta tarde na rúa, en apoio aos detidos.

A Fiscalía abre dilixencias contra o Concello de Cangas
Dende o Foro Social de Cangas tamén lembran que o Fiscal Xefe de Pontevedra abriu dilixencias contra o concello na que lle solicita que presente a requirida licenza municipal. O pasado 7 de setembro recibía unha denuncia presentada pola Confraría de Pescadores San Xosé na que se denunciaba ao goberno municipal por non paralizar unhas obras que carecen do devandito permiso.

"Non existe xa que a empresa nin sequera a pediu", subliña Trinidad Villar, "ademais de que sería imposíbel outorgárllela ao non existir Plan de Usos nin Plan Especial acordado co Concello". Dende o Foro Social de Cangas confirman que manterán as súas accións de protesta, que continuarán previsíbelmente na celebración do pleno municipal o vindeiro venres.


Ligazóns

4.5/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Malia carecer de licenza municipal, as obras do porto deportivo continúan
Malia carecer de licenza municipal, as obras do porto deportivo continúan
Imaxe dunha das concentracións máis multitudinarias vividas en Cangas contrarias ás obras
Imaxe dunha das concentracións máis multitudinarias vividas en Cangas contrarias ás obras