Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ACTO DO PPdeG NA COMARCA DO DEZA

Rajoy intenta espantar en Silleda o escándalo de financiamento ilegal

Mentres aumentan os indicios sobre ilegalidades nas contas do PP de Valencia, o de Pontevedra refúxiase no “modelo Feijoo”.

Redacción - 16:49 26/09/2009
Tags:
Os escándalos que rodean a Camps rompen a folla de ruta de Rajoy

Os escándalos que rodean a Camps rompen a folla de ruta de Rajoy

 A vitoria de Núñez Feijoo nas eleccións galegas e logo nas Europeas déronlle aire a un Mariano Rajoy máis que cuestionado pola dereita española. Co socialista Rodríguez Zapatero acurralado pola crise económica e polos máis que negativos datos de paro, o conservador pontevedrés vese máis perto ca nunca da Moncloa. Porén, na súa andaina tamén hai nubes que deixan treboadas.

 Unha das máis serias é a que está afectando ao PP de Valencia. Cada vez hai máis indicios de que os conservadores desta comunidade argallaron unha complexa trama de financiamento ilegal, onde non faltan comisións, millóns en diñeiro negro e moitas outras posíbeis irregularidades. Se o xornal El País foi nun primeiro momento o que comezou a falar, case en solitario, do escándalo, agora, incluso medios tan achegados ao PP como é El Mundo falan abertamente de diñeiro negro. Mais a pesar de que as críticas non deixan de medrar, Rajoy segue apoiando publicamente ao presidente de Valencia, Francisco Camps, que o apoiou no seu día fronte ás manobras dos partidarios de Esperanza Aguirre.

Para abrigarse da que lle está a caer a nivel estatal, Rajoy refuxiouse este sábado en Silleda. Alí o PPdeG, diante de máis de 12 mil simpatizantes, quixo deixar patente que xa están definitivamente enterradas as vellas guerras internas e que hai un líder incuestionábel: Alberto Núñez Feijoo. Rajoy deixou patente que o seu “modelo para España” é o mesmo que está a aplicar Feijoo en Galiza.

“Pasou moi pouco tempo, pero xa ouvimos falar do goberno de Feijoo, das súa eficacia, do sentido común e que non fai tonterías”, bradou Rajoy diríxondose aos milleiros de incondicionais que se achegaron até Silleda dende todos os puntos do país. “Son cinco anos de frío na oposición, pero xa sinto menos, porque sei que gañaremos as xerais como gañamos as galega”. 

O escenario elixido, Silleda, non é asunto menor. Aínda que dende o PPdeG sinalaron que as razóns son principalmente loxísticas (boa ubicación xeográfica e as instalacións da Semana Verde), ninguén esquence que durante os 20 últimos anos a comarca do Deza foi o estandarte do chamado “sector da boina”, que encabezaba o finado Xosé Cuíña. O PPdeG actual case nada ten que ver co daqueles tempos. Só o incombustíbel, pero moi cuestionado, Baltar se resiste a ceder a súa cota de poder en Ourense.


4.5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: