Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A POLÉMICA VOLVE ESTAR NO VENTO

“A Fiscalía vai ter traballo, traman un pelotazo eólico”

O voceiro do BNG no Parlamento, Carlos Aymerich, prognostica que as grandes beneficiarias do novo concurso van ser Iberdrola e Unión Fenosa.

Redacción/EP - 18:00 28/09/2009
Aymerich considera que hai intereses agochados

Aymerich considera que hai intereses agochados

O voceiro parlamentario do BNG, Carlos Aymerich, cargou este luns contra o Goberno. Para o nacionalista hai máis que indicios de que se está “a tramar un pelotazo eólico á luz do día, mais con aleivosía e reincidencia”. O deputado sostén que se se materializan en xaneiro as novas concesións “a Fiscalía vai ter moito traballo”.

Dende o Bloque censuran que os “populares” convoquen un concurso para un novo reparto eólico logo de suspender a anterior alegando que o procedemento non se axustaba á legalidade. Por iso, anuncian que pedirán explicacións parlamentarias ao conselleiro Javier Guerra.

Aymerich subliña que as empresas só terán un mes para a presentación de proxectos e que logo estes van ser resoltos tamén en trinta días por unha comisión avaliadora. Para os nacionalistas é imposíbel cumprir estes prazos “agás que haxa información privilexiada e que o concurso xa estea resolto antes de comezar”. Acto seguido, o voceiro do Bloque prognosticou que Iberdrola e Unión Fenosa van ser os grandes beneficiados do novo reparto de megavatios.

Outra mostra do escurantismo que rodea o proceso é, segundo o BNG, que o conselleiro de Industria non informase do concurso durante unha recente comparecencia no Parlamento: “é a proba do nove de que a actitude do Goberno linda coa prevaricación”.


4.1/5 (10 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: