Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
PRESENTACIÓN OFICIAL ESTE SÁBADO EN COMPOSTELA

ProLingua: vento de voces a prol do idioma

Un milleiro de persoas xa se uniron á plataforma. Falamos con tres dos seus membros: Xabier Docampo, Francisco Fernández Rei e Rafael Cuíña.

M. del Río - 09:00 01/10/2009
Logo de ProLingua

Logo de ProLingua

Este sábado bota a andar publicamente ProLingua, unha plataforma a prol da defensa e promoción da lingua galega que se define como apartidaria e plural. De feito, considera que a lingua é patrimonio do pobo galego, polo que ningún grupo ou ideoloxía particular se debe apropiar dela.

ProLingua xa conta con máis de 800 membros que forman parte dela a título persoal, independentemente das entidades políticas ou sociais ás que estean adscritos, co único compromiso de apoiar o idioma.

A plataforma desenvolverá a súa primeira asemblea ás 11 e media da mañá na Facultade de Filoloxía de Compostela, á que están convidadas tanto as persoas integrantes de ProLingua como todo aquel que queira saber o que significa. Segundo explicou un dos seus impulsores e unha das persoas que estarán presentes nese acto público, Xabier Docampo, no acto presentaranse as primeiras accións que levará a cabo a plataforma. A súa característica común será "a mobilización da lingua galega en Galiza", e demostrar que "os que renegan dela son unha minoría. Os que temos unha lingua propia e queremos que se potencie somos unha maioría".

Xa se coñece, no entanto, o manifesto fundacional de ProLingua, e que se pode consultar na súa web, onde tamén é posíbel unirse á iniciativa. Só se hai que comprometer a defender o idioma e promovelo en todos os ámbitos, públicos e privados.

ProLingua non é a única plataforma que existe na defensa do galego, o que tampouco significa, para os seus integrantes, que non sexa compatíbel a existencia de diferentes entidades. Segundo Docampo, "imos manter as mellores relacións e respectaremos as súas actividades sen interferir unhas coas outras". En calquera caso, "a unidade está garantida, pois temos os mesmos obxectivos".

Docampo, a nivel individual, cre que os membros de ProLingua estarán "en calquera lugar onde se defenda a lingua galega".

Co vento en contra
Outro dos integrantes da plataforma, igualmente a nivel persoal, é o profesor Francisco Fernández Rei, que salientou que ProLingua carecerá de xerarquías ou de personalismos. "Todos somos ProLingua, nunha palabra". O seu obxectivo é acadar a "plena normalización do idioma" e que se poida "vivir en galego de xeito natural". "É unha utopía", recoñece, "porque non é facil, pero os soños fanse realidade, e esperamos que ese soño comece o sábado". A plataforma nace nun momento en que "o vento sopra en contra da lingua".

O colaborador de Vieiros Rafael Cuíña tamén forma parte de ProLingua: "Eu sempre estarei en calquera movemento a favor do galego, non en contra de ninguén", constata, nun momento en que existen "movementos obscenos como Galicia Bilingüe". O feito de que a plataforma reúna xente a título individual parécelle "o básico", porque "en todos os estratos sociais, partidos políticos... hai xente disposta a defender a lingua nai deste país".

Para el, ProLingua "non tenta ter éxito" a nivel numérico, senón propiciar "unha situación en que o idioma estea en pé de igualdade". Tamén está convencido de que é compatíbel con outros colectivos e convocatorias. De feito, asegura que "o día 18 na manifestación de Queremos Galego vai estar xente de ProLingua. No fondo estamos de acordo en que hai propostas diversas pero temos o mesmo obxectivo".


Ligazóns

4,69/5 (51 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: