Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
RUBÉN FERREIRO, NOVO DIRECTOR XERAL DE ELOGIA

"O mercado galego da publicidade en internet é bastante inmaduro"

Recentemente ascendido, este emprendedor da internet cóntanos as peculiaridades do márketing online en Galiza.

M. del Río - 09:30 12/10/2009
Rubén López Ferreiro

Rubén López Ferreiro

Rubén López Ferreiro (Santiago de Compostela, 1977), acaba de ser nomeado director xeral de Elogia España. Dende o ano 2000 dirixía a axencia de márketing interactivo viguesa Elogia Media, anteriormente coñecida como Galiciabanner. A partir de agora, coordinará as oficinas de Barcelona, Madrid e Vigo, e as cinco divisións de Elogia: Creativa, Data, Ipsofacto, Media e Relaciona.

Vieiros: Que supón este nomeamento?
Rubén L. Ferreiro: É a miña primeira gran responsabilidade. Supón poñerse ao fronte dunha división moito máis grande ademais a nivel estatal. É un reto para alguén coma min, que vén dunha división que se integrou na empresa aínda hai dous anos. Ser un dos directores máis junior é un cambio moi importante.

Cal é a situación do sector da publicidade en internet en Galiza?
O sector está evolucionando favorabelmente. Aínda asi, o mercado en Galiza é bastante inmaduro. Digamos que temos un atraso de tres ou catro anos con respecto ao Estado Español. Iso implica que, coa recesión, non désemos ese salto que se deu en España entre as empresas, que están a reconducir o seu investimento publicitario dos medios offline aos medios online. Aquí non hai unha percepción do medio e das súas vantaxes, polo que as empresas están a restar investimento por todos lados. No noso caso non se están a redirixir eses investimentos, como no resto do estado.

Inflúe negativamente nese atraso a escasa penetración de internet no país?
A pequena penetración con respecto á media non ten que ver. Hai cobertura suficiente. De feito, as versións online dos xornais galegos teñen máis lectores ca as de papel, aínda que levan unha porcentaxe ridícula do investimento. Teñen cobertura para captar anunciantes, pero hai un problema cultural de desenvolvemento do medio. Para crecer, a nosa empresa tívose que abrir fóra de Galiza. Nos nove anos que levo nisto, notei un avance moi pequeno. Aumentou moito a audiencia pero non o investimento publicitario.

Beneficiará a publicidade en internet fenómenos como a supresión dos anuncios na televisión pública estatal?
É un grande enigma. Penso que unha boa parte dese investimento vaise perder, parte irá a outras canles de televisión, parte a outros medios... O anunciante maduro que xa coñece internet virá a este medio, pero penso que parte dese investimento vaise perder. Non todo vai beneficiar o resto dos soportes.

Cara onde camiña a publicidade online no futuro?
Ao final, o contorno informativo en xeral, é cambiante. Veremos algúns medios novos de soporte publicitario. Pero o máis importante é como vai evolucionar a publicidade nos medios que xa temos. Estamos nunha fase inicial da publicidade online, que reproduce os esquemas da publicidade en papel, como os faldóns traducidos en banners. Hai que aproveitar as posibilidades de internet, que permite segmentar por criterios xeográficos ou doutro tipo, e poñer en marcha formatos máis avanzados para aproveitar as vantaxes do medio. Creo que aí vai estar o salto diferencial, cando se aproveite esa interactividade. A segmentación vai favorecer o coñecemento do usuario. As redes sociais permiten coñecer datos verdadeiros sobre gustos, localización... que permiten a segmentación do público, fronte a unha etapa anterior na rede, en que os usuarios empregaban datos inventados.


3.83/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: