ostresdoeixo

Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
Este domingo comeza a tempada de caza

"A min non me quitan do monte catro matóns"

O pasado 17 de setembro, o portavoz de 'Matar por Matar, Non', Xulio Fernández, recibiu unha malleira por parte de varios cazadores que cualifican de "agresiva" a súa actitude.

F. Arrizado - 13:10 16/10/2009

"Levo pateado moito monte desde cativo, comigo non vale a leria de que son urbanita, que non coñezo o campo. Os urbanitas son eles, que veñen cazar cos todoterreos a zonas ilegais". O pasado 17 de setembro, o portavoz de 'Matar por Matar, Non' puxo a súa enésima denuncia dentro da loita que este colectivo mantén cos cazadores galegos que "descoñecen a lexislación".

Porén, desta volta, a demanda de Xulio Fernández na comandancia da Garda Civil foi acompañada dun parte médico de lesións. "Déronme cun pau na cabeza e pateáronme a cara entre catro", asegura este veciño de Vilamoure (Punxín, O Carballiño) que se nega a ficar na casa os días de caza "porque estou no meu dereito" e "porque a min non me quitan do monte catro matóns".

Paradoxalmente, os cazadores do Tecor OU-10.105 San Trocado e Cidade anunciaron esta semana a súa intención de enviar un escrito á subdelegación do goberno español en Galiza "para informar sobre a conduta" de Xulio Fernández, que cualifican de "agresiva", e co obxectivo de "que se estabeleza unha vixilancia no monte a partir do próximo domingo", día en que comeza a tempada de caza.

Din estar "preocupados" polos posíbeis problemas que poidan xurdir, xa que Fernández -que tamén foi denunciado por agresións logo da 'pelexa' do 17 de setembro- e outros veciños teñen leiras da súa propiedade fisicamente dentro do coto, mais segregadas oficialmente do mesmo desde hai anos. Os cazadores, aínda que foron informados directamente pola Xunta da superficie destas, argumentan que a súa sinalización non está clara. Unha apreciación "falsa", segundo o voceiro de 'Matar por Matar, Non', que se alegra no entanto destas declaracións, porque se evidencia que están a facer batidas en espazos protexidos.

"Saben perfectamente que alí non se pode cazar. Puxemos até tres e catro sinais. Mais con esta xente non se pode razoar. Ameázante con que igual un día se lles escapa un tiro e que xa pagará o seguro; din que a eles ninguén lles prohibe cazar en ningures e que teñen amigos na delegación, que nos lles importan as multas", sostén. Algúns xa foron sancionados en varias ocasións -aínda que con contías baixas- por "ameazas", "actuacións perigosas" e "violacións da Lei de Caza".

Mostra desta actitude son as declaracións realizadas polo presidente do Tecor, Severino Soto Álvarez, á cadea de radio COPE, advertindo de que se non se valaban os terreos segregados os seu 150 socios cazarían neles igualmente. O certo é que a lexislación, ao igual que ocorre cos cotos de caza, non obriga a cercalos se o propietario non quere. E Fernández e o resto dos veciños non queren.

Porén, o voceiro de 'Matar por Matar, Non' di con retranca que non pode estar máis de acordo co desexo expresado polos cazadores de que se "estabeleza unha vixilancia". "Nós levámola pedindo desde hai catro anos. Non tiñan que vir máis que os dous primeiros días e estes matóns xa non volvían, porque non son quen de cazar legalmente. Os que atenden á lei xa non veñen porque saben que non poden matar animais en Refuxios de Fauna".

Falla de respecto polas zonas e distancias de seguridade

Mais, que significa "cazar legalmente"? Ademais de facer batidas en espazos protexidos outro dos incumprimentos habituais da Lei de Caza, denuncian as asociacións ecoloxistas galegas, é que non se respectan as zonas e as distancias de seguridade estabelecidas. Por exemplo, non se pode cazar a menos de 50 metros dunha estrada, sempre de costas a ela, nin a 100 metros dos núcleos de poboación ou 200 dunha concentración de persoas.

A realidade é outra. Un grupo de cazadores acosa con cans as presas desde o alto dos montes, e outro abaixo nas pistas, onde non hai vexetación, disparan. En moitas ocasións as batidas chegan até as portas das casas. Porén, aínda que as infraccións son abundantes e facilmente comprobábeis por calquera, non o son tanto para os gardas forestais, principalmente, porque en raras ocasións se ven polo monte e moito menos nas cacerías. Proba disto é que a Xunta nin sequera publica unha listaxe das faltas rexistradas, ou dos controis de alcolemia a cazadores.

No caso da zona do Carballiño e das comarcas lindeiras, é o Seprona, o Servizo de Protección da Natureza da Garda Civil, "o único que lle trata de pór freo aos abusos dos cazadores", segundo afirma Xulio Fernández. "O problema -di- é que hai unha parella para 20 concellos"

A todo isto súmase que as distancias de seguridade estabelecidas por lei están calculadas para escopetas, que alcanzan uns 80 metros, cando na actualidade moitas das batidas de xabaríns están a ser realizadas con fusís que poden chegar aos tres quilómetros. Como di o voceiro de 'Matar por Matar, Non', aquí en Galiza "disparas unha bala desas e atravesas tres aldeas".


4,86/5 (35 votos)


Comentarios (18)

Jatopardo #1 16/Outubro/2009 Jatopardo
[Valora este comentario Positivo +7 Negativo]

Este sábado pasado, baixando polo monte Enxa cara a Porto do Son, atopei no marxe esquerdo da estrada cinco coellos parados. Baixei do coche, arrimeime a eles, a menos de 4 metros, e os coellos non se movían,mansiños a máis non poder. Supoño que estes serán algúns dos coellos que soltaron os cazadores da miña zona para reventalos en canto abran a veda. Menudo mérito campeóns. Pero non sei para que levades escopeta, con botarlles a man xa vos chega.

Eu podo entender a caza hai moitos anos cando a xente pasaba fame e comía o que podía. Pero hoxe en día, que afortunadamente ninguén pasa fame, que haxa mandas de sádicos famentos de sangue, que se dediquen a acosar a escuálida fauna, polo simple gusto de matar, dame bastante noxo.

A miña solidaridade con Xulio Fernández e o meu agradecemento a xente valiente coma el.

volvebreogan #2 16/Outubro/2009 volvebreogan
[Valora este comentario Positivo +6 Negativo]

stop a barbarie contra os animais!!

Tarelo #3 16/Outubro/2009 Tarelo
[Valora este comentario Positivo +6 Negativo]

É gravisimo que agredan a Xulio ao que coñezo persoalmente. Todo esto producese polo escaso interese da xunta en regular a caza e poñer a cada quen no seu lugar. Non se pode xeralizar e non vou decir eu que todolos cazadores son iguais, pero si hai algúns que se amparan na Federeción Galega de Caza, ou na permisividade da Xunta, ou na falta de información e conciencia civica para sairse ca súa. O que lle fixeron a Xulio, é unha mostra do tipo de "persoas" que son

Tarelo #4 16/Outubro/2009 Tarelo
[Valora este comentario Positivo +6 Negativo]

Grazas a Jatopardo pola súas verbas, as que suscribo

Lead_bocas #5 16/Outubro/2009 Lead_bocas
[Valora este comentario Positivo +5 Negativo]

Coidade-vos que dentro do colectivo de cazadores están moitas das peores persoas que coñezo. É moita desta xente a que debería estar presa e non os pobres cadelos que torturan.
Moito ánimo !

Cuevillas #6 16/Outubro/2009 Cuevillas
[Valora este comentario Positivo +2 Negativo]

Para a próxima Xulio, tes que levar ti a escopeta, a ver se teñen collóns de ameazarte. Ou senon disfrázaste de funcionario de montes da Xunta, cunha credencial, e ameazas con poñer unha sanción. Así verás como os machos, xa non son tanto e saen correndo.
Estes costumes de cazar son propios de individuos cun andar afemiado, pouco baril con condutas propias de peifocos.
Está probado que en xeral está inserido nos xenes de moitos españois, dos toureiros e dos cazadores, o comportamento alonxado do home, e propio de maricóns e caguiñas. En troques, a Raza Galega é afouta e garrida, e ten arelas de vivir cos animais que moran na súa terra e entedelos, domealos ou crialos. A afouteza demósaa loitando contra homes, non contra animais; comportamento herdado dos árabes e do sangue semita. Certo é que algúns españois non sinten orgulleza do seu pasado, e iso é loubábel.
Non quixera toparme con xente desa raza no monte, porque eu sí que xogaría a ser cazador.

Cuevillas #7 16/Outubro/2009 Cuevillas
[Valora este comentario Positivo +2 Negativo]

Para a próxima Xulio, tes que levar ti a escopeta, a ver se teñen collóns de ameazarte. Ou senon disfrázaste de funcionario de montes da Xunta, cunha credencial, e ameazas con poñer unha sanción. Así verás como os machos, xa non son tanto e saen correndo.
Estes costumes de cazar son propios de individuos cun andar afemiado, pouco baril con condutas propias de peifocos.
Está probado que en xeral está inserido nos xenes de moitos españois, dos toureiros e dos cazadores, o comportamento alonxado do home, e propio de maricóns e caguiñas. En troques, a Raza Galega é afouta e garrida, e ten arelas de vivir cos animais que moran na súa terra e entedelos, domealos ou crialos. A afouteza demósaa loitando contra homes, non contra animais; comportamento herdado dos árabes e do sangue semita. Certo é que algúns españois non sinten orgulleza do seu pasado, e iso é loubábel.
Non quixera toparme con xente desa raza no monte, porque eu sí que xogaría a ser cazador.

BonKarallan #8 16/Outubro/2009 BonKarallan
[Valora este comentario Positivo +5 Negativo]

De acordo con Jatopardo.

Os cazadores de hoxe son catro señoritos que se divirten disparando contra os animais indefensos. E hai quen cualifica isto como un deporte.

É unha pena non poder repartir armas entre os animais, para que poidan defenderse en igualdade de condicións.

prometeo #9 16/Outubro/2009 prometeo
[Valora este comentario Positivo +4 Negativo]

Unha das cousas que máis me fode é que, cando remata a tempada de caza, as aldeas énchense de pobres cans abandonados por estes Rambos de fin de semana.

Carminha-Soutomaior #10 16/Outubro/2009 Carminha-Soutomaior
[Valora este comentario Positivo +4 Negativo]

Ánimo Xulio, as persoas que defenden a vida son as que se necesitan. Hoxe que non se precisa dos animais salvaxes para sobrevivir,aínda menos, daqueles, que nin sequera se lle aproveitaría nada, é absurdo que se vaia ó monte con escopetas. Hai moita hipocresía na consellería de M.A. Ós ecoloxistas si poden agáchannos. Ós cazadores, protéxenos. Non lembrades a todos os directores xerais, conselleiros, e presidentes con esa noxenta afección...? Agora volven a invadirnos !ollo!. Presido unha Comunidade de Montes, onde prohibimos a caza, moi a disgusto desas "señorías". Anos fai, e aínda hoxe témolo monte morto. Os desalmados, non deixan rastro de vida por onde pasan.

maleiro #11 16/Outubro/2009 maleiro
[Valora este comentario Positivo +2 Negativo]

Moita caspa soltan istes matarifes de pouca monta.
Pobriños.

MaisUm #12 16/Outubro/2009 MaisUm
[Valora este comentario Positivo +2 Negativo]

Um abraço para o companheiro agredido por esses matões. A caza e os cazadores é uma peste violenta e agressiva que haveria que erradicar dos nossos montes. Matar por matar, nom!!

fillotolo #13 16/Outubro/2009 fillotolo
[Valora este comentario Positivo +3 Negativo]

Os cazadores que eu coñezo son na súa maioría son bastante analfabetos e cobardes. Pegáronlle porque ao ir en manada e con escopeta esquecéuselles o pequena que a tiñan.

Indixenanoapartheid #14 17/Outubro/2009 Indixenanoapartheid
[Valora este comentario Positivo +2 Negativo]

Eu xa tiven que fuxir coa miña familia do monte por medo a que nos desen un tiro os brutos necesitados de violencia e sangue que disparan contra todo o que se move estea protexido ou non. E non lles digas nada, que inda por riba teñen razón e podes levar como mínimo unha zoscada. Son uns cobardes armados e perigosos.

galleto #15 17/Outubro/2009 galleto
[Valora este comentario Positivo +3 Negativo]

Paréceme increíble que uns gañáns con escopetas estean lexitimados a dar tiros polos montes durante varios meses ao ano. Que o prohiban xa!

osforcados #16 17/Outubro/2009 osforcados
[Valora este comentario Positivo +2 Negativo]

A min non me gusta a caza, pero hai cazadores que cazan e despois comen o cazado (igual que fan os pescadores). É un xeito de supervivencia que nada tén que ver cos touros ou con calquera mostra de disfrute polo sufrimento dos animais.

folgueira #17 19/Outubro/2009 folgueira
[Valora este comentario Positivo +2 Negativo]

Dacordo cos que opinan que non cumpren as distancias regulamentarias, nin as casas, nin as estradas. A maioria dos cazadores son unhos brutos que non respectan nada, nin teñen idea. Incluso alguns din que son ecoloxistas!
Tamén son dos que gosto de ir o monte, pero nos días de caza, quedome na casa. Sei que isto non debera ser asi, se todos respetaramos as normas, pero por desgraza, estamos nun país que se valora socialmente o incumprimento das leis. Triste panorama para o futuro

Eurico #18 19/Outubro/2009 Eurico
[Valora este comentario Positivo +3 Negativo]

Porfavor osforcados, se queren comer que vaian ao super ou á carniceria do barrio. A maior parte dese fato de merda, chamados "cazadores" por non dicire "asasinos" son xente que DESFRUTA matando pobres animais que andan xa como poden polos montes.

Son a mesma xente que vai ás corridas taurinas, son as mesmas que gozan coas pelexas de cans ou galos, son os mesmos que en Castela penduran aos galgos das árbores cando deixan de correr tanto, son toda esa escoura da sociedade que se adica a satisfacer a súa ansia polo sangue e pola morte.

En definitiva, o que eles chaman deporte -correr cercando a pobres animais que ante o sufrimento de recibir un dous ou tres disparos fan o imposible por non morrer- é unha matanza por diversión.

Magoa que non os poidamos cazar nós a eles.

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Os cans morden un xabarín, cazado a menos de 50 metros da estrada / Foto: matarpormatarnon.org
Os cans morden un xabarín, cazado a menos de 50 metros da estrada / Foto: matarpormatarnon.org
Os cazadores aparcan o coche e recollen a presa / Foto: matarpormatarnon.org
Os cazadores aparcan o coche e recollen a presa / Foto: matarpormatarnon.org