Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
Queremos galego

Ampla cobertura e rechamantes interpretacións dende Madrid

A histórica manifestación do domingo non pasou desapercibida fóra das nosas fronteiras, con enfoques dispares segundo a cor política dos medios.

Redacción - 13:10 19/10/2009
Dende Bruxelas tamén se apoiou a manifestación

Dende Bruxelas tamén se apoiou a manifestación

A manifestación convocada o domingo por Queremos Galego recibiu unha ampla cobertura nos medios de comunicación, tanto galegos como españois. Neste último caso, a convocatoria tería pasado desapercibida para moitos xornais de non ter participado un ministro. Tamén se pode apreciar nos medios madrileños, principalmente, máis tendencia á interpretación e mesmo á opinión cá información.

Así, ABC atribúelle directamente ao presidente do goberno español a manifestación. Titula: "Zapatero lanza al ministro Caamaño contra la política lingüística de la Xunta". Na Cope, aparentemente, era Caamaño o que presidía a marcha: "Caamaño encabeza una manifestación de nacionalistas a favor del gallego y contra el castellano". Libertad Digital titula cun "Caamaño asiste en Galicia a una marcha contra el bilingüismo y Feijóo", quizais en referencia a Galicia Bilingüe.

Pola súa banda, El País, na súa edición para Galiza, cuantifica: "Más de 50.000 personas en la mayor marcha por el gallego de la historia", mentres Público afirma que "Galicia planta cara a los planes de Feijóo contra su lengua". O portal Menéame, onde tamén se poden ler máis de 200 comentarios, titula "Una manifestación plural e histórica a favor del gallego colapsa Santiago".

Medios galegos
Entre os medios do país, a cobertura é máis ampla e exhaustiva. A nosa Terra titula: "Unha manifestación plural e histórica a prol do galego ateiga Santiago". Xornal opta por "A rúa protesta en galego". Galiciae e Galicia Hoxe tamén prefiren usar os números para titular: "Máis de 50.000 persoas reivindican o dereito a vivir en galego" e "Máis de 50.000 persoas ateigaron Santiago na marcha cívica contra a política lingüística da Xunta".

Outro tanto pódese dicir do título escollido polo Faro de Vigo: "Unhas 50.000 persoas protestan en Santiago contra os "ataques" da Xunta ao galego", mentres que La Voz de Galicia titula, en castelán, "Multitudinaria manifestación en Santiago en defensa del gallego".

A edición francófona de EITB tamén fala de que "Les Galiciens revendiquent le "droit de vivre en galicien", mentres que en Kaos en la Red, o titular é "Multitudinária manifestaçom na Galiza em defesa do idioma". En Tercera Información cuantifícase á alta cun "100.000 personas se manifiestan en Galiza en defensa del galego".

Vídeos
Na rede tamén se pode acceder a material audiovisual sobre a manifestación. Así, Blogaliza TV ofrece unha reportaxe gravada en primeira persoa. Un dos momentos máis tensos produciuse no momento en que a TVG conectou en directo, como se pode ver no vídeo publicado por Blogaliza en YouTube. Tamén está dispoñíbel unha síntese do emitido no telexornal da televisión pública.

Blogs
Os blogs do país amenceron este luns monopolizados polas reflexións arredor da manifestación, incluíndo tamén abondoso material gráfico. Algúns exemplos poden ser os de Estoutras, Ribadeando, Iniciarte, Cabaret Voltaire, Diáspora Queer, Ártabra 21, A botica da expresión, Contradiscurso e Os oubeos do kan-Meijome.

No exterior
A manifestación atraeu miles de persoas a Compostela, mais tamén tivo o seu reflexo no exterior. Así, na Livraria Orfeu de Bruxelas desenvolveuse un acto de apoio, como amosa unha fotografía que nos envía Ana Miranda e que encabeza esta información.


4.65/5 (26 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: