Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Louzao non confirma se repetirá

A CIG-Ensino elixe nova Executiva este sábado logo de aumentar o seu número de afiliados un 40% en catro anos

'O teu sindicato a CIG-Ensino. A túa lingua o galego' é o lema do V Congreso, ao que se prevé que concorra unha única candidatura.

Redacción - 19:30 19/10/2009
Imaxe do último congreso

Imaxe do último congreso

A CIG-Ensino elixirá este sábado unha nova Executiva no seu V Congreso ao que se prevé que se presente unha única candidatura dada a "unanimidade" dos seus afiliados e responsábeis ao respecto dos "grandes eixos de acción" que deberán marcar a súa liña sindical: reivindicar unha lei galega de educación que "vehiculice" o idioma propio no ensino; exixir o cumprimento das demandas "máis sentidas" do profesorado; e "reforzar" o marco de negociación sectorial.

Así o expuxo en conferencia de prensa o secretario nacional do sindicato, Anxo Louzao, que salientou que a CIG-Ensino é a organización "de referencia" e "máis representativa" no ámbito educativo público e privado, despois de que incrementou o seu número de afiliados nun 40% durante os últimos catro anos.

Un total de 206 delegados -150 elixidos nas comarcas e 56 membros natos- participarán no V Congreso, que leva por lema O teu sindicato a CIG Ensino. A túa lingua o galego. Na xornada de pola mañá presentarase o informe de xestión da Executiva saínte, as modificacións estatutarias e debaterase o relatorio de Acción Sindical. Pola tarde, elixirase a nova Executiva e o secretario nacional.

Louzao, que eludiu avanzar se optará a un terceiro período de catro anos no cargo, comezou a súa intervención facendo unha valoración da "histórica manifestación" a prol da lingua deste domingo. Neste senso, advertiu de que o sindicato nacionalista "está disposto a paralizar o ensino se tal e como vén anunciando o PPdeG se adoptan medidas en contra da lingua ou se se produce algunha involución na lexislación da que nos dotamos".

A isto responde tamén, dixo, o lema do congreso. Recordou que a lingua pasa por un "momento difícil" en que, sinalou, as políticas lingüísticas tratan de "liquidar" o idioma propio cando, agregou, "vehiculizar" o galego é un dos obxectivos da CIG-Ensino "desde a súa fundación".

Catro anos de actividade

O actual secretario nacional salientou o papel "destacado" do sindicato na "conflitividade" e "problemáticas" dos últimos catro anos coas distintas folgas e accións organizadas. Entre estas, citou as protestas de xuño e setembro para lograr unha xornada reducida; contra a aplicación da LOGSE na adaptación curricular da ESO e do Bacharelato; ou para rexeitar que a materia de Relixión "impedise" o desenvolvemento do ensino integral á conta de lles quitar horas a Filosofía, Historia e Educación Física.

A organización impulsou ademais campañas a favor do ensino público "de calidade" e das condicións de traballo, reivindicou medidas en contra do fracaso escolar, demandou unha universidade pública e de calidade, ademais do uso da lingua no ensino, entre outras. Tamén denunciou as reducións substanciais das remuneracións do profesorado, reclamou melloras dos cadros de persoal laboral en educación infantil, a estabilidade do profesorado interino e rexeitou o reagrupamento escolar.

Retos para os próximos catro anos

Os retos para os próximos catro anos, segundo subliñou Louzao, pasan por activar mecanismos para "frear" o deseño "españolista e privatizador" do ensino que atribuíu ao PP; a reivindicación dunha lei galega de educación que permita a "galeguización" do ensino facendo que o idioma propio sexa a "lingua vehicular de todos os niveis educativos"; e pular por un "sistema educativo galego ordenado e planificado en función das necesidades do país".

"Un sistema educativo onde os centros conten con persoal administrativo para atender ás súas necesidades, onde se reduzan as ratios por aula, se financie o material escolar para que sexa gratuíto e se atenda á diversidade. Un sistema educativo onde se garanta, en síntese, o carácter público, a gratuidade e a máxima calidade", dixo.

Tamén, traballarán de cara a acadar a aprobación dun Estatuto Galego do Profesorado que "recoñeza e valore a función docente, facilite a súa formación permanente, garanta a estabilidade e elimine a precariedade, asegure a xubilación anticipada e reduza o horario aos maiores de 55 anos para crear emprego, mellore as retribucións, amplíe o Marco Galego de negociación e reforce a Mesa Sectorial como órgano de representación do profesorado".


4,2/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: