Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ANÁLISE: SOLDOS ANUAIS NAS ENTIDADES FINANCEIRAS

Un alto executivo de Caixa Galicia cobra de media 924 mil euros

En 2008, coa crise económica petando á porta, os oito membros do Comité de Dirección aumentaron os seus salarios un 60%.

R.Vilar - 09:50 21/10/2009

O máximo órgano executivo de Caixa Galicia (o Comité de Alta Dirección) está composto por oito persoas que se reúnen unha vez por semana. O director xeral da entidade financeira é un deles, saber o nome dos outros sete é unha tarefa máis que difícil, incluso para os delegados sindicais da propia empresa. Porén, a Memoria de 2008 da entidade financeira dá unha idea da desafogada posición económica dos que forman parte deste órgano. Durante a anterior anualidade os oito membros cobraron da caixa 7.397.000 euros, o que dá unha media de algo máis de 924 mil euros por cabeza.

Ás astronómicas cantidades anteriores, hai que sumarlle outro tipo de ingresos que non se computan na memoria pero que tamén se presumen cuantiosos. Así, os altos executivos que á vez teñen asento nos consellos de administración de empresas participadas por Caixa Galicia, tamén cobran dietas a maiores destas últimas.

Canta máis crise, máis cartos para os elixidos
A crise económica é allea aos petos dos altos executivos de Caixa Galicia. A entidade conta unha verdade a medias cando asegura que o órgano de dirección cobra menos debido á mala situación dos mercados. Seguindo a versión da propia caixa de aforros, houbo medios que recolleron este ano un suposto descenso dun 6% nos salarios destes cargos.

A realidade é ben outra. Aínda que é certo que o Comité de Alta Dirección cobrou 454 mil euros menos ca en 2007, non se explica a letra miúda: o número de membros pasou de 13 a oito. Así, os executivos que sobreviviron á "queima" pasaron de cobrar unha media de 604 mil euros en 2007 aos 924 mil do ano pasado. O que, en medio dunha das crises máis importantes das últimas décadas, representa un aumento salarial de máis dun 60%.

Se se retrocede catro anualidades, pódese comprobar como o aumento salarial leva anos sendo vertixinoso. En 2005 o máximo órgano excutivo de Caixa Galicia estaba composto por 15 persoas que cobraban un media de 353 mil euros anuais.

Canto cobra o director xeral de Caixa Galicia?
Saber o salario bruto do presidente do BBVA non é complexo. Diferentes xornais publicaron que en 2008 o chantadino Francisco González foi o alto executivo bancario mellor pagado do Estado Español, con algo máis de 5,3 millóns de euros brutos. Porén, non resulta nada doado saber o soldo que percibe por exemplo o home forte de Caixa Galicia, o seu director xeral: Xosé Luís Méndez.

Clodomiro Montero, dirixente da CIG-Banca e empregado de Caixa Galicia, confirma que saber os ingresos de Méndez é case misión imposíbel. El intentouno por enésima vez o pasado mes de xuño. Na Asemblea Anual de Caixa Galicia preguntoulle a Méndez (ver vídeo) polas retribucións de cada un dos altos executivos.

Que nin os representantes sindicais saiban canto percibe o director xeral dunha entidade financeira participada polas administracións públicas é un exemplo da grave opacidade que rodea as caixas. Aínda sen saber exactamente a cantidade, parece que non hai dúbida de que Méndez é o empregado galego mellor pagado. E iso é así dende que en 1981 (con 36 anos) chegou á dirección xeral de Caixa Galicia e se converteu nunha peza clave da vida económica e política do país.


4.89/5 (27 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Vídeo onde Clodomiro Montero pregunta polos salarios dos executivos

Xosé Luís Méndez dirixe Caixa Galicia dende hai 28 anos
Xosé Luís Méndez dirixe Caixa Galicia dende hai 28 anos
Entre os oito máximos directivos da entidade cobran 7,4 millóns de euros cada ano
Entre os oito máximos directivos da entidade cobran 7,4 millóns de euros cada ano