ostresdoeixo

Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
NO SEU PAPEL DE MEDIADOR

O Sindicato Labrego acusa a Medio Rural de ceder ante a chantaxe da industria láctea

Celega leva 27 días sen recoller o leite de varias explotacións empregando parámetros de análise do produto diferentes aos que estipula a normativa vixente.

Redacción - 12:15 04/11/2009
Polo menos tres explotacións foron obxecto da suspensión de recollida de leite por parte Celega

Polo menos tres explotacións foron obxecto da suspensión de recollida de leite por parte Celega

"A Consellaría de Medio Rural estase inhibindo ante o coñecemento dunha ilegalidade". Así explica Carme Freire, do Sindicato Labrego Galego (SLG), o que está a acontecer con varias explotacións lácteas do país.

Dende hai xa case un mes, a comercializadora Celega, que vende ao Grupo Leite Celta, suspendeu a recollida a, polo menos, tres explotacións lácteas. A explicación é que o produto non se axeita ás súas análises de coagulación do leite (tamén chamadas probas de acidez), mais dende o SLG explican que estas probas non atenden á normativa vixente e que "non son outra cousa que novas presións sobre as explotacións para conseguir o leite a baixo prezo".

Medio Rural, un árbitro que non exerce
A devandita análise foi imposta pola propia empresa, "mesmo negándose a explicar ou deixar constancia da súa metodoloxía", de xeito que os gandeiros non poden contrastar eses resultados que xa foron determinados pola industria. Ante esta situación, os propietarios da explotación chamaron a Medio Rural, quen se encargou de facer novas analíticas, que deron como resultado un leite perfectamente apto para a comercialización e para o consumo.

Con todo, dende o SLG denuncian que a Consellaría non asumiu un papel activo exixindo á Celaga que retomase a recollida. "Lonxe de actuar como mediador, como lle correspondería, optou pola inhibición á hora de se posicionar diante da empresa para garantir a recollida, o que supón un aval á chantaxe que exercen as industrias", di Freire.

Denuncian así a "irresponsabilidade de Medio Rural ao non actuar como parte imparcial neste tipo de conflitos, abocando a parte máis débil a ficar baixo as imposicións das industrias lácteas". Na actualidade é outra empresa a que se está a encargar da recollida deste leite, mais o SLG encadra estes movementos dentro dunha "clara estratexia de amedrantamentopara deixarnos nas súas mans, para que nos recollan o leite a calquera prezo".


Ligazóns

3,88/5 (8 votos)

Comentarios (5)

ecoe #1 4/Novembro/2009 ecoe
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

E logo os raposos coidan das pitas? Pois claro que nin exerce nin exercerán nada contra ningunha patronal, salvo pórlle un parchiño para que sega a manar o seu enriquecimento (é lei obvia no kapitalismo).

alpabarda #2 4/Novembro/2009 alpabarda
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

ecoe

Cando vas mercar roupa, se un mesmo producto costa menos nunha tenda que na de enfrente e mercas na tenda máis barata, tamén te estarás enriquecendo ¿non?

Inxel #3 5/Novembro/2009 Inxel
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

A sensibilidade dos opinadores desta páxina non está de parte dos produtores de leite. Parece que vivimos noutra galaxia. Parece que a situación angustiosa dos agricultores e os gandeiros de Galicia non merece nin unha simple referencia, mellor dito, si, dúas que se contrapoñen. A primeira aínda ten un pasar. Da segunda é mellor non falar. Incríbel como se fai a historia. Onde están os doutores e os masters en comentarios? Debe ser xente "guai" que teme esvarar en "la bosta". "Póñame un café cun dediño de leite". "Ah, é do Lidle? Se ten outra procedencia non a quero".

alpabarda #4 5/Novembro/2009 alpabarda
[Valora este comentario Positivo +2 Negativo]

Inxel

O teu é pura demagoxia.

Tanto ten que eu esté do lado dos produtores de leite ou non. Vai solucionar iso o seu problema?. A ver se agora os problemas se solucionan decindo todos ao unísono VIVAN OS PRODUTORES DE LEITE!!! QUE VEN O FIXERON!!, para que dentro de outros cinco anos estemos outra vez nas mesmas. Eso chámase irresponsabilidade.

O problema do leite é de modelo de negocio.

É evidente que se eu son o que recolle o leite é son quen de presionarte para non recollelo, ou para recollelo a un prezo máis baixo, ti como produtor non tes o teu negocio ben plantexado a día de hoxe. Por que se te podo presionar tanto quere dicir que non te necesito. Esto non admite moita discusión. Deixádevos de parvadas infantís de capitalismo, enriquecimento e lerias parecidas. Todo é moito máis práctico.

aeitoeconxeito #5 5/Novembro/2009 aeitoeconxeito
[Valora este comentario Positivo +2 Negativo]

Pregúntome que farán ou que opinarán as mentes preclaras dos traidores-cipaios reventadores do sindicalismo nacional labrego de Galiza, os "labregos" de oficina que queren ser "califa en lugar do califa"...U andarán a tramar?
Avante o SLG ¡¡¡ Ánimo labregos da Gz e beizóns á señora Freire por non ser unha mudiña en venda ¡¡¡

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: