Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ACCESO Á FUNCIÓN PÚBLICA

As últimas oposicións á Xunta, na Fiscalía

A CIG considera que hai indicios abondo para pensar que existiron filtracións nas probas celebradas o pasado mes de setembro en Silleda.

Redacción - 12:50 05/11/2009

A sección de Administración Autonómica da CIG requeriulle formalmente este xoves á Fiscalía que abra dilixencias polas supostas irregularidades nas últimas oposicións da Xunta. O sindicato achegoulle ao ministerio público un informe con indicios dunha presunta fraude nos exames dos grupos C1 e C2 que se celebraron o pasado mes de setembro en Silleda e aos que acudiron milleiros de aspirantes a funcionarios.

No informe faise fincapé no feito “extraordinario” de que tres irmáns aprobasen cunha nota excepcional a primeira proba. Tamén piden que se investigue o exercicio dun cuarto aprobado que ten relación persoal cos irmáns. O acontecido é aínda máis estraño se se ten en conta que os catro opositores se matricularon nun período extraordinario que abriu o Goberno a penas tres meses antes de que se iniciase o proceso de selección.

Dende a CIG queren que a Fiscalía lle tome declaración ao presidente e secretario do tribunal nomeado pola Xunta. Un dos seus responsábeis, Manuel Gallardo Canitrot, considera que os indicios presentados este xoves deberían ser suficientes para que nas vindeiras semanas se abra unha investigación do sucedido.

Función Pública négase a revogar o tribunal

Gallardo Canitrot tamén lle explicou a Vieiros que se puxeron en contacto coa Dirección Xeral de Función Pública para que proceda ao cesamento do actual tribunal, que terá que presidir cara a fin de ano unha segunda probas das mesmas oposicións. Dende a CIG reclamaron dun novo órgano examinador onde tivesen presenza os sindicatos con representación na Xunta.

Porén, segundo explican dende a central nacionalista, Función Pública non se mostra favorábel a anular o tribunal ao escudarse no feito de que hai unha investigación administrativa aberta para tratar de aclarar se houbo algunha filtración durante o proceso.


4,86/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: