Venancio Salcines anunciou a súa decisión de abandonar a política logo de devolver máis de dous mil euros de gastos de protocolo.
Dende este xoves Venancio Salcines xa non é concelleiro de Facenda en Cambre. O profesor universitario abandona a política local (tamén a acta de edil) logo de verse envolto nunha polémica por ter pasado gastos protocolarios que a oposición consideraba irregulares. Entre outros, o edil tiña pasado gastos persoais como é o caso de consumicións de bar (cafés).
Salcines subliña que coa súa dimisión quere deixar constancia de que en ningún momento se quixo aproveitar das arcas públicas e que se considera vítima dunha campaña. De feito, a semana pasada devolveulle ao consistorio algo máis de dous mil euros de gastos de representación.