Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
EN GALIZA

Cada vez autorízanse menos manifestacións

Movemento polos Dereitos Civís presentou o seu informe anual no que tamén lamenta a desproporción das cargas policiais.

Redacción - 18:40 18/11/2009
MpDC denunciou en diversas ocasións a colocación de cámaras de vídeovixilancia

MpDC denunciou en diversas ocasións a colocación de cámaras de vídeovixilancia

Ao longo de 2008 incrementáronse o número de negativas por parte da Delegación do Goberno Español en Galiza a autorizar manifestacións e concentracións. Así se reflicte no VI Informe Anual do colectivo Movemento polos Dereitos Civís (MpDC), presentado este mércores. O seu voceiro, Renato Núñez, denuncia que a actitude das administracións é diferente en función de quen convoque o acto: algunhas manifestacións, entre as que cita como exemplo a de solidariedade cos mariñeiros do Alakrana, "celébranse con moi pouca antelación, mentres que outras non se permiten alegando que se anunciaron fora de prazo", explica.

Núñez recorda que o papel dos poderes públicos "non é o de autorizar" os actos de protesta, senón "manifestarse como informados ou denegar a posibilidade de celebralos se existe algunha incompatibilidade con outro acto ou se defenden causas contrarias a dereito". Con todo, lamenta os atrancos presentados pola administración que, asegura, van en aumento.

Doutra banda, o informe tamén detecta certa "impunidade" nas cargas policiais. "Son as actuacións máis criticadas", explica Renato Núñez, que apunta que, segundo unha enquisa elaborada polo colectivo, seis de cada 10 galegos as consideran desproporcionadas. Informa de que a asociación xa detectou un mesmo proceder por parte das Forzas de Seguridade: "denuncian aos manifestantes antes de que eles presenten as súas denuncia, botando así por terra as posteriores posíbeis reclamacións". Asegura que, nestes casos, "como moito os funcionarios son amonestados para logo ser indultados". Así o percibe tamén a sociedade galega, segundo a súa enquisa, da que se desprende que o 54% da cidadanía considera que a xustiza "non é imparcial e favorece os funcionarios policiais".

Videovixilancia e protección de datos
Mais se hai un campo no que se ten destacado este colectivo é na denuncia da colocación ilegal de cámaras de videovixilancia. Neste eido Renato Núñez alerta "dun avance sen control" deste tipo de dispositivos e mesmo dunha saturación por parte da Axencia Española de Protección de Datos, que non pode atender a todas as demandas. Asemade, lamenta "a falta de interese" da Delegación do Goberno Español á hora de abordar esta cuestión.

Por outra parte, MpDC piden ao Goberno que se cree unha Axencia Galega de Seguridade Cidadá, que se encargue de "controlar a actuación, ás veces desmesurada, das Forzas e Corpos de Seguidade do Estado" e que "realice investigacións internas e independentes".


Ligazóns

3.86/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: