Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
XXXIV Asemblea: o ecoloxismo, máis necesario que nunca

A 34ª Asemblea de ADEGA elixiu a Virxinia Rodríguez, nova Presidenta

ADEGA quere trasladar á sociedade as súas propostas de resolución nun contexto de crise ambiental

ADEGA - 10:38 23/11/2009
Tags:

A 34ª Asemblea Xeral de ADEGA celebrada onte no Pazo de Eidián, Agolada, elixíu a Virxinia Rodríguez como nova Presidenta de ADEGA. Virxinia Rodríguez, até o de agora Secretaria Xeral, accede á presidencia en substitución de Adela Figueroa, que ostentou este cargo os últimos catro anos. A presidenta saínte, histórica fundadora de ADEGA, entendeu cumprido o seu ciclo e pasa a testemuña a Virxinia Rodríguez para dar máis pulo á asociación nuns intres de crise ambiental, económica e social. A Asemblea agradeceu o traballo e o compromiso co país e co ambiente amosado sempre por Adela Figueroa, que seguirá sendo a responsábel de Transporte e Mobilidade na  Xunta Directiva de ADEGA. Pola súa banda, a nova Presidenta Virxinia Rodríguez manifestou o seu anceio de continuar traballando na defensa ambiental de Galiza coa intelixencia, compromiso e independencia que ADEGA vén amosando dende hai 34 anos.Para cubrir a vacante na Secretaría Xeral deixada pola nova Presidenta, a Asembea elixíu ao compañeiro Froilán Pallín, que exercerá tamén a vogalía de Ordeamento do Territorio.

Finalmente e como xa é tradicional, a Asemblea Xeral de ADEGA quere trasladar á sociadede galega as súas preocupacións máis urxentes en forma de propostas de resolución:

-SALVAR O LITORAL: Tendo no horizonte o remate da moratoria urbanística no litoral, e diante das ameazas que novamente pairan sobre a franxa costeira en forma doutra vaga urbanizadora, de proxectos agresivos (piscifatorías, recheos, etc.), e dos impactos que o cambio climático está xa a operar no litoral, a Asemblea de ADEGA fai un chamado urxente á cidadanía galega, que respostou exemplarmente fronte á catástrofe do Prestige, para evitar unha nova vaga de cemento e formigón na nosa costa, comezando polo cabo Touriñán.

-REDE NATURA, NIN UN PASO ATRÁS: A Asemblea de ADEGA insta á Xunta de Galiza a aprobar con urxencia a proposta de ampliación da Rede Natura que deixou pendente o goberno anterior, como primeiro paso mínimo e imprescindíbel para afortalar a coerencia dunha Rede Natura que debe garantir a conservación da nosa diversidad natural e funcionar como motor para o desenvolvemento sustentábel dos seus habitantes. Paralelamente, esiximos á Xunta de Galiza que aprobe con urxencia os preceitivos Planos de Xestión dos espazos que conforman a actual Rede Galega de Espazos Protexidos. Ambas demandas deberían ser requisitos previos para o desenvolvemento de calquera planificación sectorial sobre o territorio, se a administración non se quere seguir sendo cómplice da política de feitos consumados.

-MINICENTRAIS, NUNCA MÁIS: A Asemblea de ADEGA insta á Xunta de Galiza a aplicar a Lei 5/2006 Galega para a Protección, Conservación e Millora dos Ríos Galegos, aprobada por unanimidade no Parlamento Galego en 2006, e a desenvolver a Directiva Marco da Auga (DMA), comezando por aprobar o Plano Sectorial Hidroeléctrico presentado durante a etapa anterior e que, incorporando os criterios e recomendtacións da DMA, visaba a paralización definitiva dos aproveitamentos hidroeléctricos nos nosos ríos. Paralelamente, instamos á Xunta de Galiza a reclamar do estado as competencias plenas na xestión hidrolóxica das bacías e treitos fluviais dentro do territorio galego.


4,2/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: