Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
Na tecnópole de Ourense

Canteira de inventores en Galiciencia 2009

Arredor de 50 proxectos de I+D+i elaborados por estudantado galego, catalán e vasco concorren até o venres na feira científica máis importante do país.

Redacción - 09:30 26/11/2009

Medio cento de grupos de estudantes de Galiza, Cataluña e Euskadi presentan dende este mércores os seus proxectos de enxeñaría, inventos e investigacións científicas en Galiciencia 2009. Cada equipo de alumnos contará co seu propio posto na feira científica máis grande do país, que se desenvolve até o venres en Ourense, no Parque Tecnolóxico de Galicia, Tecnópole.

O día 27, un proxecto escollerá entre os mellores proxectos de I+D+i en tres categorías divididas por idades. O alumnado presentou enxeños como un protector para non mancharse cos xeados, ideado por alumnas de San Cristovo de Cea, un modelo de pneumático con dobre cámara e reflectores dun grupo do IES Xoán Montes de Lugo ou un aplicador de xiz para tacos de billar e recolledor de po, dun alumno do IES Val do Tea de Ponteareas.

Un equipo do colexio Guillelme Brown de Ourense ideou unha mochila ergonómica que evita as sobrecargas nas costas, mentres que dous grupos do IES Rosalía de Castro de Compostela presentaron unha técnica para controlar equipos informáticos mediante movementos do corpo e un sistema operativo que permite usar programas sen instalalos. Estudantado de Nigrán adestrou un equipo de microrrobots que bailan, xogan ao fútbol e sortean un labirinto.

Dentro do apartado de desenvolvemento sustentábel e medio ambiente, alumnos do Divino Maestro de Ourense crearon unha instalación termo-fotovoltaica, un equipo barcelonés desenvolveu un novo motor eléctrico con máis rendemento, e rapaces lucenses inventaron un panel solar con células orientadas.

Alumnado do colexio Alborada de Vigo estuda fórmulas para a extracción de aceites esenciais de algas, mentres que o do CPI Virxe Saleta de San Cristovo de Cea analiza a calidade dos perfumes. Estudantes ourensás descubriron que as lentellas medran mellor con música de Beethoven, mentres que outros dos apartados investigados son a vida no Polo Norte, a linguaxe dos SMS, a fin do Universo, os efectos do tabaco ou os efectos reais dos alimentos enriquecidos.

Ciencia divertida
Por último, o divulgador Adolf Cortel participa por terceiro ano consecutivo en Galiciencia, con experimentos espectaculares para amosar o lado divertido da ciencia. Potentes láseres que demostran a enerxía que transporta a luz, a análise da música e da voz mediante a visualización das ondas sonoras nun tubo en chamas ou experimentos con xeradores de alta tensión están a atraer a atención dos máis de dous mil escolares de toda Galiza que visitarán a Tecnópole ourensá.


3.67/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: