Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A pouco tempo do cesamento analóxico

A anulación de varias concesións de TDT pon as televisións locais nunha difícil situación

O TSXG anulou as adxudicatarias das demarcacións de Pontevedra e Ferrol por entender que forman parte de cadeas de emisión, algo que lles afectaría a practicamente todas as canles locais.

Redacción - 10:00 03/12/2009
As 21 demarcacións de TDT local / tdtgalicia.es

As 21 demarcacións de TDT local / tdtgalicia.es

As xa no seu día polémicas concesións de TDT local en Galiza corren serio perigo, a semanas ou meses do apagamento analóxico, segundo as áreas. O TSXG acaba de declarar contraria a dereito a adxudicación da demarcación de Pontevedra, semanas despois de ter feito o mesmo coas da zona de Ferrol.

Segundo a sentenza da Sala do Contencioso-administrativo, as concesións quebrantan o artigo 7 da lei de Televisións Locais de 1995, ao concederlles licenzas a entidades tan vinculadas entre si que constitúen unha unidade de decisión.

Despois de facer o mesmo pronunciamento por segunda vez, o TSXG pode acabar provocando que se anulen todas as adxudicacións relacionadas con grandes grupos nas demarcacións onde se interpuxese recurso xudicial.

No caso de Pontevedra, o recurso presentárao, en xullo de 2006, Televisión da Mancomunidade do Salnés, que concorrera a esa demarcación, sen éxito. O tribunal concluíu que as licenzas outorgadas a Televisión de Pontevedra, Faro de Vigo e Lérez Canal 29 son nulas de pleno dereito. Ningunha de elas comezara a emitir, aínda, en dixital.

A sentenza refírese tamén a que as adxudicacións non están xustificadas, pois as puntuacións acadadas nos informes polas ofertas gañadoras foron máis baixas cás doutras concorrentes. Así mesmo, asegura que Televisión de Pontevedra ostenta "dependencia ou vinculación" co grupo Prisa, que obtivo outras adxudicacións, do mesmo xeito có Faro de Vigo ou Lérez Canal 29, que pertence ao grupo Telelugo-El Progreso. En Ferrol, o recurso fora presentado por Radio Televisión de Ferrol e afectoulle ás tres empresas beneficiarias, La Opinión de A Coruña, Editorial La Capital e Radio Coruña.

Ao mesmo tempo, ese mesmo argumento podería xogar en conta da mesma televisión denunciante, no caso de Pontevedra, Televisión do Salnés, que tamén obtivo dúas concesións: Ribeira e Vilagarcía. Esa infracción do artigo 7.1 da Lei de Televisións Locais podería desembocar en novas anulacións noutras xurisdicións ou mesmo no Tribunal Supremo.

O artigo di, literalmente: "As televisións locais por ondas terrestres non poderán emitir ou formar parte dunha cadea de televisión", e considera que forman parte dunha cadea televisións onde exista unha unidade de decisión e emitan a mesma programación durante máis do 25 por cento da emisión semanal, mesmo en horario diferente.

A norma, publicada en 1995, poderíalles afectar a practicamente todas as canles de televisión local que, aínda contando con diferentes propietarios, pertencen a colectivos de intercambio de programas de produción propia ou acceden a paquetes de contidos vía satélite para completar a súa programación, mesmo en diferentes horarios, e que poden superar perfectamente máis de seis horas de emisión diaria.

Coa paralización no proceso de posta en marcha da TDT local, moitas canles que seguen a emitir en analóxico enfróntanse á difícil situación de seguir emitindo despois do apagamento, que lles podería supoñer pasar da alegalidade á ilegalidade, ao non seren xa admitidas ese tipo de emisións, e, en calquera caso, pasar a unha situación residual, ao seren as únicas que empreguen o formato analóxico nun breve prazo de tempo.


3.86/5 (7 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: