Competencia é unha palabra de moda e a última tendencia na linguaxe educativa. E vén a conto porque cada vez me convenzo máis de que todo o estamos a xogar na “competencia básica” de nos irmos parecendo algo a ese Deus de quen, se algo sabemos, é da súa poderosa corrente de proximidade. Esa que nos atinxe en Xesús e nos fai felicitar polo Nadal, porque El contáctanos e rózanos, conecta con nosoutros, pégasenos, inscríbese no noso censo coma un de tantos, apelídase “Fillo do Home” no seu DNI, mestúrase coas nosas suores, cheiros e bágoas, co noso cuspe, barro, sangue e soños.
Presentouse en sociedade exposto e indefenso, sobre un presebe, sen protección de tapias, aramados ou alarmas, e por iso se lle puideron achegar aqueles pastores que fedían a cabra e a fume, sen que os detivesen sinais de “propiedade privada”, “recinto sagrado”, “ollo ao can”, “avisamos grúa”.
Ser cristián consistiría en tratar de coincidir con Deus nese “instinto básico” de simpatía incondicional ante todo o humano. “Apareceu a bondade do noso Deus e a súa filantropía...”(Tit. 3,4).
Dou voltas a todo isto desde unha parada de bus e sobresáltome ao verme emparedada por un anuncio de CK á miña dereita e outro de D&G á miña esquerda. Miro para eles e córtaseme en seco a “simpatía incondicional”e invádenme sentimentos de estrañeza, distancia, “alleidade”, algo que os antigos chamaban “xenosía”. Miro os seus modelos en posturas inverosímiles, posuídos da súa beleza, adustos e herméticos, facendo visible a infelicidade do mundo que representan, ese que, encerrado na súa burbulla, se cre o cume da civilización, mentres impera nel a barbarie da indiferencia diante do alleo.
Intúo que vou polo mal camiño e agárrome coma un salvavidas á escena do nacemento, a ver se descubro o segredo de reunir o que disque é irreconciliable: luz e noite, gloria e intemperie, anxos e pastores, ceo e terra, Mesías e cueiros.
E penso que a verdadeira “competencia de Nadal” é a que nos capacita para vivir á vez na filantropía e na xenosía, no feitizo e na indignación, na canción e na crítica, no realismo e na esperanza.