Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
Reportaxe: Evolución da internet galega

O blogomillo non morreu, mudouse para as redes sociais

Tres anos despois do anunciado pasamento, o número de bitácoras na nosa lingua segue a medrar e a comunidade coordínase arredor da web 2.0.

M. del Río - 09:30 20/12/2009

Dende que, xa hai máis de tres anos, Xabier Cid anunciase a morte do blogomillo, a comunidade internauta do país mudou, mais segue viva. Aquela estrutura creada arredor das bitácoras evolucionou, como evolucionou a rede en si, e as redes sociais van substituíndo ou, cando menos, complementando, os xa case clásicos blogs.

Naquel ano 2006 nacía Chuza, a web galega de novas escollidas mediante un control editorial non xerárquico. A partir dese momento, foise convertendo nun punto de encontro para o blogomillo ou, cando menos, para os internautas do país, aínda que non deixou de recibir queixas por sufrir un certo grao de endogamia que, lonxe de diminuír co paso do tempo, foi aumentando. Este ano 2009 superou as 21 mil novas publicadas, fronte ás 18.500 de 2008 e as 16.200 de 2007. Porén, a porcentaxe de informacións enviadas polo grupo de usuarios máis activo -que foi variando co tempo- é cada vez maior. Cada ano fóronse sumando a Chuza aproximadamente unha cifra constante de persoas usuarias, arredor de 1.400.

A suposta "morte do blogomillo" tampouco é tal, se temos en conta as estatísticas da 'araña' de Blogaliza. No seu último percorrido pola rede atopou 144 novos blogs, que elevan a listaxe do blogomillo até as 8.704 bitácoras. Tamén gozan de boa saúde no que se refire ás actualizacións, con máis de 160 blogs actualizados no último día e case mil na última semana. Pola contra, 5.774 levan máis de seis meses sen actualizar, o que deixaría a cifra de blogs activos en algo menos de tres mil.

Parece evidente que, coa incorporación de cada vez máis poboación á "era dixital", tamén medrará o número de blogs. Porén, nos últimos tempos, novas fórmulas de participación na rede están a compartir espazo coas bitácoras. Por unha banda, as redes sociais están a servir en moitos casos como porta de entrada aos blogs, ou mesmo chegan a substituír a súa función. As que teñen máis uso no país son Facebook, con interface en galego dende xa hai tempo; de Tuenti, na nosa lingua dende hai só unhas semanas, e mais a rede social autóctona, Cabozo. As facilidades que ofrecen para compartir textos, imaxes ou vídeos á nosa rede de contactos instantaneamente superan as que ofrecen os blogs e o seu sistema de comentarios.

O mesmo acontece cos mini e microblogs, representados por plataformas como Tumblr ou Twitter, e a súa versión galega, Lareta, que permiten publicar todo tipo de contidos dun xeito sinxelo e inmediato. Por unha banda, Tumblr acabouse por converter nunha sorte de bitácora breve e rápida, coa posibilidade de publicar entradas de texto, vídeo, audio ou fotografías e redifundilas dun xeito sinxelo.

A nivel microblogs, ademais de existir a nosa Lareta, o internacional Twitter ten o galego entre as 20 linguas máis empregadas, segundo un estudo, o que demostraría que existe unha comunidade de usuarios moi activos en Galiza que contan a diario as súas experiencias e achados mediante breves mensaxes de texto. Con todo, os novos medios non van matar os blogs, ou cando menos non o blogomillo, pois son só un medio máis de expresión da blogosfera do país.


4.64/5 (11 votos)

Novas relacionadas


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: