Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Pide "delimitar" os Camiños de Santiago

O PSdeG acusa a Xunta de "facer campaña" cos fondos do Xacobeo en concellos gobernados polo PPdeG

Ve "pouca publicidade" do Ano Santo e critica que Varela actúe como "presidente dunha gran comisión de festas" e "a golpe de guateque".

Redacción - 17:35 07/01/2010
O conselleiro, co nadador español David Meca

O conselleiro, co nadador español David Meca

A portavoz de Comercio, Turismo e Consumo do Grupo Parlamentario Socialista, María Quintas, acusou esta quinta feira a Xunta de pretender utilizar os fondos destinados á celebración e promoción do Ano Santo para facer "precampaña ou campaña" nos concellos gobernados polo PPdeG.

Ademais, en conferencia de prensa, a representante do PSdeG exixiu "delimitar" todos os Camiños de Santiago -só o está o Primitivo- para evitar que as partidas destinadas á súa mellora se se distribúan "de xeito aleatorio".

"Xa sabemos como gobernan", incidiu, para lembrar que no último Xacobeo (en 2004) "fixéronse ampliacións de Camiños que favorecían casas rurais de familiares" de políticos populares situadas na zona da localidade de Verín.

Precisamente, vinculou este intento de "discriminación positiva" aos municipios onde goberna a formación conservadora co "absoluto ocultismo" que mantén o Executivo ao respecto das obras relacionadas coa mellora e impulso das rutas xacobeas.

Quintas, tamén abriu a porta a que ese "ocultismo" responda á "desidia e prepotencia" dos dirixentes da Xunta ou a que "talvez, non se estean executando" as citadas obras 10 meses despois da saída do bipartito de San Caetano.

Programación e publicidade
Á marxe do anterior, a deputada do PSdeG dirixiu as súas críticas á "pouca publicidade" coa que conta o Xacobeo, posto que "aínda se fala de publicitalo a estas alturas"; e á programación cultural, que non presenta "elementos referenciais" que motiven desprazamentos de turistas a Galiza.

En relación coa programación do Ano Santo, criticou que a Xunta está "aproveitando" actuacións xa planificadas polos concellos para "encher os carteis", debido a que "non fixo nada novo nin específico", polo menos, nas sete cidades e nas cabeceiras de comarca.

Tamén reprobou que se fagan encargos a "industrias culturais foráneas" mentres as galegas "levan meses intentando pórse en contacto co conselleiro sen éxito", polo que a socialista augurou que esta celebración será "unha oportunidade perdida" para os "elementos endóxenos de Galiza".

Concerto de U2
Ademais, lembrou a "papeleta" do conselleiro coa xestión do concerto do grupo irlandés U2. "Anunciaron o acordo aos catro ventos e despois deron marcha atrás porque non era rendíbel", dixo. "Actúa como o presidente dunha gran comisión de festas, a golpe de guateque", concluíu.

Por todo isto, Quintas avanzou a presentación dunha interpelación co fin de que o conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, explique ante o pleno da Cámara as medidas de impulso adoptadas para o Ano Santo ou os seus efectos económicos, entre outras cuestións.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: