Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
LABORAL

As traballadoras de Alfageme péchanse no Concello de Vigo

Reclaman unha xuntanza co alcalde, a quen acusan de non atender en dous meses ás súas peticións e de non mediar para acadar unha solución ao problema.

Redacción - 13:03 12/01/2010

O futuro das fábricas conserveiras de Alfageme decidirase nas próximas horas e as traballadoras non están dispostas a agardar coas mans baixadas. Un grupo dunhas 200 empregadas das fábricas de Vigo e do Salnés pecháronse este martes no concello de Vigo exixindo unha xuntanza co alcalde, Abel Caballero. Entenden que o rexedor non está a poñer todo da súa parte para mediar no conflito e piden que as atenda, logo de agardar dous meses por unha reunión que aínda non ten data.

A viabilidade de Alfageme depende agora exclusivamente do apoio económico por parte dos dous principais acredores da firma: Caixanova e Banco Popular. Ao parecer, a concesión deste crédito, que se decidirá esta mesma semana, sería a única formulación posíbel para evitar que a factoría conserveira tivese que acodir a un concurso de acredores. Só deste xeito, o Igape estaría disposto a achegar os cartos necesarios para reflotar a empresa, sempre e cando o plan de viabilidade teña visos de realidade.

Con todo, este apoio económico dependería actualmente de dous factores. Dunha banda, da dimisión do actual propietario da conserveira, Juan Lago, quen aínda non confirmou se acepta a condición da banca de deixar a dirección da firma. O segundo factor estaría vencellado ao chan no que está situada a fábrica, que foi recentemente recalificado, pasando a ser solo industrial. Aí é onde entra o papel que as manifestantes lle exixen que exerza o alcalde. "Cónstanos que Caballero ten mecanismos de presión, de carácter xurídico para solucionar o problema do chan", explica Xosé Fernández Piñeiro, secretario nacional da FGAMT-CIG, "se o alcalde quixera isto tiña unha fácil solución".

Dous meses sen cobrar
As traballadoras xa adiantaron que non sairán do concello de Vigo até seren recibidas polo alcalde. Mentres, a policía local pechou a porta das dependencias municipais polo que ninguén pode saír nin entrar da casa consistorial viguesa. Por outra parte, outras traballadoras están a manifestarse perante as oficinas de Promalar, empresa inmobiliaria propiedade de Juan Lago. Convocadas neste caso por CCOO, exixen ao propietario que abandone a dirección da empresa para que as entidades bancarias acheguen os cartos que eviten a insolvencia.

Este conflito laboral afecta actualmente a 350 traballadores, a maior parte mulleres, que agora mesmo levan xa dous meses sen cobrar. A falta de solución levaríaos a un concurso de acredores e, irremediabelmente, ao paro.


5/5 (4 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: