Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Acusacións de Verdegaia

Furado eólico no Rodicio ao servizo de Iberdrola con estudo ambiental esgarabellado ás carreiras

Os ecoloxistas advirten da gravidade dun macroproxecto eólico que pon en perigo especies ameazadas e en perigo de extinción.

Redacción - 17:45 14/01/2010

O parque eólico no alto do Rodicio, promovido por Iberdrola, foi declarado víabel pola Dirección xeral de calidade e avaliación ambiental no que constitúe unha decisión "incomprensíbel", segundo denuncian o colectivo ecoloxista Verdegaia e a Asociación para a Conservación e Estudo do Lobo Ibérico (ASCEL). Por este motivo, os dous grupos presentaron alegacións a este proxecto eólico.

Entre outros, critican que se volva producir a fragmentación dun macro proxecto eólico noutros máis pequenos "para facilitar de maneira premeditada os tramites ambientais e tamén poder optar á prima eléctrica máis favorábel" ao toparse dentro do rango de instalacións de pequeno tamaño. Unha manobra que "contravén a normativa reguladora da Avaliación do Impacto Ambiental, tanto europea, como española e autonómica".

Fauna en perigo
Mais alén desa práctica, as críticas dos ecoloxistas reparan por exemplo en que a avaliación de impacto ambiental achegada para esta iniciativa "nin sequera menciona a presenza do lobo na área de estudo". Unha eiva incomprensíbel cando os aeroxeneradores está previsto que sexan colocados "na área de campeo dun grupo reprodutor ameazando a viabilidade e utilización dunha zona de encame e reprodución a corto plazo".

Ademais, os muíños do Rodicio estarán tamén nunha zona frecuentada pola aguia real, especie catalogada "en perigo de extinción" en Galiza. "Razón suficiente para desbotar o proxecto", subliñan desde Verdegaia, recordando os estudios que demostraron que os parques eólicos inducen até o 42% da mortandade anual desta ave rapaz. Sinalan ademais que o estudo ambiental pasa por alto outras especies que figuran no catálogo galego de especies ameazadas. Tal é o caso do bufo real, a perdiz, o sapiño pintoxo, o furafollas, o morcego de ferradura pequeno, o morcego grande de ferradura, a rata de auga e o armiño.


4.88/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: