Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Constituído o proxecto

Fiare Galiza: alternativa de banca ética

Un feixe de colectivos sociais apoian o nacemento da delegación galega dunha iniciativa en favor da transformación do sistema financeiro.

Redacción - 09:30 18/01/2010

O proxecto Banca Ética Fiare persegue a creación e consolidación dun sistema estatal de "banca ética" como alternativa elixíbel pola cidadanía. Á vez quere ser unha iniciativa que actúe a prol da transformación do sistema financeiro, aliñándose con entidades que xa están traballando no ámbito da economía solidaria.

Nese sentido, Fiare impúlsase co obxectivo de financiar actividades económicas que impliquen un impacto social positivo e transformador. A súa actividade avalará empresas, actividades e proxectos sociais, ecolóxicos, culturais e solidarios "poñendo o diñeiro a disposición das persoas excluídas e das organizacións que traballan con elas". Doutra banda, explican os promotores, trátase de ofrecer instrumentos de aforro e de investimento responsábeis, poñendo a disposición da cidadanía "a posibilidade de apoiaren cos seus aforros ese tipo de actividades, decidindo responsablemente o uso que fai a entidade financeira dos seus aforros e excluíndo calquera investimento en actividades ou empresas que colaboren co mantemento da inxustiza e o deterioro do noso mundo (tráfico de armas, explotación laboral, destrución do medio ambiente ...)".

A delegación en Galiza do proxecto constituíuse formalmente o pasado sábado 16 de xaneiro en Santiago de Compostela. Entre os membros fundadores de Fiare Galiza atópanse asociacións como: AIS O Peto, Arela, Amarante, Verdegaia, Adega, Altermundo, SLG, Panxea, colexio La Salle, CONGD´s... A medio prazo, Fiare espera acadar o mínimo legal esixido polo Banco de España para constituír unha cooperativa de crédito. De xeito paralelo, os colectivos integrantes estudan a posibilidade de que o proxecto se integre nunha cooperativa de crédito a nivel europeo, a través da fusión de tres proxectos de Banca Ética: La Nef, Banca Popolare Ética e Fiare.


5/5 (16 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: