Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
Apoian a folga no ensino do xoves 21

Cregos galegos maniféstanse a prol da lingua e censuran o silencio dos bispos

O Foro "Bispo Araúxo" oponse ao novo decreto sobre o galego no ensino e recorda que o Concilio Pastoral de Galicia insta á promoción da lingua.

Redacción - 13:55 19/01/2010

"A Igrexa galega non pode quedar á marxe de decisións absurdas e evitábeis que afectan e prexudican a cultura e a promoción da lingua galega", expón nun comunicado o Foro de Curas Galegos 'Bispo Araúxo'. "Pedímoslle, pois, a todos os crentes galegos, tamén aos Bispos de Galicia, cuxo silencio nos doe e lamentamos, que manifesten a súa oposición ás Bases para o decreto do plurilingüismo", engaden. Deste xeito, o Foro lembra o Manifesto polo galego na Igrexa, asinado en xullo de 2009, e únese e apoia a folga xeral no ensino e a manifestación do xoves 21 de xaneiro en Santiago.

"O Concilio Pastoral de Galicia marcounos un camiño a seguir no Terreo Cultural a todos os cristiáns, non só aos leigos senón tamén aos curas e aos bispos, non só na liturxia senón tamén nas escolas, nos Seminarios e no ensino en xeral", sinalan en lembranza do Concilio celebrado polas dióceses do país a finais da década dos 70. Ao respecto, lembran varios dos puntos clave acordados naquela xuntanza e a prol dos que a Igrexa se comprometía en Galiza, obxectivos cara aos que, trinta anos despois, queda aínda longo camiño:

11.1.- O C.P.G. pídelle a todos os cristiáns, Bispos, Curas e Leigos, cadaquén segundo a súa específica misión, que participen na promoción da lingua galega, por ser un valor humano que está asociado coa liberación do home galego e, por ende, coa evanxelización.

11.2.-Xa que a escola é peza chave para promoción da lingua, o C.P.G. une a súa voz coa de outros moitos que coidan insuficiente a concesión vixente sobor do ensino do galego, e reclama da autoridade competente a normalización da lingua galega.

11.3.- As escolas, Seminarios Menores, Medios de comunicación dependentes da Igrexa, por teren unha finalidade cultural, e os Seminarios Maiores, ademais por razón pastoral, han de poñer empeño especial no ensino da lingua e cultura galega, pro que han de preparar o persoal especializado que se necesita.

11.4.- Un Concilio galego non se pode desentender daqueles galegofalantes, illados artificialmente da Igrexa en Galicia. Pedímoslle aos nosos Bispos que fagan as necesarias xestións para unha máis razoable división que abranga os hoxe illados; e no intre, nomeen unha Comisión que, de acordo cos seus Bispos, abrirlle a solución ó problema da lingua nai daqueles.


4.9/5 (42 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: