Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
PRESENTACIÓN OFICIAL

O Goberno abre a porta á ordenación do litoral á carta

Levanta definitivamente a prohibición de construír a 500 metros da costa e atende “as peculiaridades de cada espazo costeiro”.

Redacción - 14:10 25/01/2010
Tags:
Herández insistiu en que se procurará o consenso cos gobernos municipais

Herández insistiu en que se procurará o consenso cos gobernos municipais

Cando a lexislatura leva andado xa dez meses e malia que a regulación da costa era un compromiso de inminente cumprimento por parte do Goberno, a Xunta presentou este luns publicamente o seu Plan de Ordenación do Litoral (POL). Nun acto que tivo moito de escenografía e recursos publicitarios, o presidente Alberto Núñez Feijoo deu o golpe definitivo á prohibición de construír nos primeiros 500 metros da costa imposta polo bipartito.

Se ben o documento se coñecerá máis polo miúdo nos vindeiros días, ante alcaldes, responsábeis empresariais, construtores e diferentes cargos políticos, Feijoo fixo fincapé na “vertixinosa evolución” que experimentou a costa galega nas últimas décadas que “virou profundamente a fisionomía do territorio”. Esta mudanza, que supuxo unha “mellora integral para o conxunto do país” precisa, nas súas palabras, unhas “regras de xogo” que impidan unha maior “fragmentación territorial e paisaxística”, mais que non impida o mantemento e puxanza da actividade económica vencellada ao litoral.

Nesa liña, rexeitou o límite que impedía construír a menos de 500 metros da costa asegurando que “non se trata de estabelecer unha liña continua”, que delimite “unha franxa homoxénea e arbitraria elaborada dende un despacho”. Na súa opinión, a nosa costa merece “atención especial ás peculiaridades de cada espazo”, xa que para a regulación do litoral “non valen uniformidades” e “as solucións ante supostos distintos non poden ser idénticas”.

Espazos protexidos
Segundo explicou nun perfecto castelán o director xeral de Sostibilidade e Paisaxe, Manuel Borobio, este Plan “define os criterios globais para a ordenación de usos do chan, regula as actividades e fixa os criterios xerais de protección do medio litoral”. No documento ordénanse 212 mil hectáreas, das que 67 mil terán a consideración de “especial protección” e 46 mil rexeranse “segundo estritos criterios ambientais”. É dicir, nestes últimas “só se contemplan desenvolvementos conforme a estritos criterios ambientais e paisaxísticos”. Mentres, o resto (un 47% do total) que se sitúa detrás da fronte litoral serán obxecto de ordenación.

Defínense tres áreas diferenciadas: a área de protección, a áreas de mellora ambiental e paisaxística e a área de ordenación. No concreto, o documento fixa obrigas para 2.100 quilómetros cadrados do territorio, o que na práctica supón o 7,2% da superficie de toda Galiza. Porén, desa totalidade, o POL só protexe por completo 650 metros cadrados (a área chamada de protección): 450 correspondentes a ámbitos de valor natural vencellados á costa ou á súa paisaxe e 200 no entorno dos ríos vistos como corredores naturais, “que dan continuidade á paisaxe”.

No caso da área de mellora ambiental e paisaxística, unha categoría pouco definida, encádranse 460 quilómetros. E finalmente, na área de ordenación atoparíanse outros 1000 quilómetros cadrados (100 mil hectáreas). Na práctica, toda esta superficie quedaría aberta á súa urbanización con algunha das figuras que estabelece a Lei do Solo. O propio conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández asegurou que “estas áreas son compatíbeis co crecemento urbanístico”, iso si, sempre “ordenado”, tal e como reiterou o presidente Feijoo.

Tramitación e prazos
O Plan do Litoral comeza este luns o seu período de audiencia ás corporacións e organismos competentes, de xeito que grupos políticos, colectivos sociais e concellos o estuden e poidan facer as súas achegas para a ordenación dos 84 concellos costeiros. A previsión é que entre marzo e abril se elabore o documento definitivo para a aprobación inicial. En maio a Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas publicará a orde correspondente, que se someterá a información pública entre xuño e xullo. Segundo os prazos que manexa o Goberno, entre agosto e novembro estudaranse as alegacións e elaborarase o documento para a aprobación provisional, para que finalmente en decembro se poida aprobar definitivamente.

Reiterando aquilo que xa dixera na presentación do avance do borrador deste Plan de Ordenación do Litoral, Feijoo asegurou que o obxectivo deste documento é “regular; non prohibir”. Así mesmo manifestou a súa “vocación de consenso” de xeito que o proxecto resultante sexa “un novo instrumento para o desenvolvemento sostíbel do noso litoral” que ofreza “un marco xurídico estábel” para os vindeiros anos.

E mentres non se aprobe?
Outra cuestión para a que aínda non hai resposta é que sucederá mentres non se cumpran estes prazos que, no mellor dos casos, non darán como resultado un documento definitivo até finais de ano. O secretario executivo de Adega, Fins Eirexas, quen tamén presenciou a presentación do POL, adiantou que o colectivo ecoloxista pedirá que o Goberno "prorrogue un ano máis a moratoria da coñecida como lei dos 500 metros". Explicou que os concellos galegos "non cumpriron cos seus deberes" ao non adaptar as súas normas a Lei do Solo (só o fixeron Vigo, Pobra do Caramiñal e Laxe), polo que "non se cumpre a primeira condición requirida para levantar a prohibición". En consecuencia, de non prorrogar a actual normativa, "en que situación quedará a nosa costa a partir do 17 de maio?", pregúntase Eirexas.

Xa sobre o texto en particular, preferiu non pronunciarse até coñecelo ao detalle. "Mentres o compromiso sexa de ordear o territorio dun xeito sostíbel, non temos nada que discutir", adiantou ao tempo que advertiu que o ecoloxismo "non permitirá que se dea nin un paso atrás con respecto á proteción recollida na norma actual", é dicir, a que impide construir nos 500 metros máis próximos á costa.


Ligazóns

4.43/5 (7 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: