Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ROLDA DA REBELDÍA

“O sectarismo é a infantil enfermidade da esquerda galega”

Nunha vizosa xornada de debate, Xosé Manuel Beiras censurou a perda de interlocución do BNG e pediu máis pluralismo.

Redacción - 12:00 31/01/2010

As ideas e a palabra, como rezaba un dos lemas da Rolda da Rebeldía celebrada esta fin de semana, tiveron todo o protagonismo nunha vizosa xornada de debate da que se puideron tirar moitas conclusións. As preguntas iniciais sobre a inoperancia do actual modelo de partidos ou sobre os necesarios mecanismos que deberiamos emprender para afondar na creación de masas críticas, deron paso a un intenso coloquio que repasou todos os males da esquerda e do nacionalismo galego, nomeadamente o seu “sectarismo” ou o seu controvertido “pluralismo”.

A esquerda, en crise
Unha das mesas máis agardadas foi a xeira partillada, que contaba coas intervencións introdutorias de Xosé Manuel Beiras (do organizador do evento, Encontro Irmandiño), Carlos Morais, Mariano Abalo ou Carlos Aymerich. Este último non compareceu por mor dun problema de gorxa e foi substituído por Xoán Carlos Bascuas (en representación de MáisBNG). Malia que todas e cada unha das xeiras contou co aforo completo, a expectación por este último debate fíxose sentir pola presenza de medios de comunicación e polo considerábel número de persoas que atendían, de pé, ás locucións duns e doutros.

Xosé Manuel Beiras censurou a “perda de interlocución” do BNG “con todo o tecido cívico de Galiza” e avogou por “restaurar o pluralismo” no seo da organización. Porén, máis alá do momento actual que atravesa o Bloque e polo que se interesaron, ao comezo, os xornalistas, Beiras apostou por profundar na reflexión sobre o nacionalismo para o que diagnosticou un coñecido tratamento: “recuperar as esencias e traballar de abaixo a arriba para volver ser hexemónicos”: “os partidos de esquerda perderon os seus referentes sociais e están en crise”, advertiu.

Pola súa parte, Xoán Bascuas, subliñou que “o BNG segue sendo unha ferramenta útil”, se ben emendou que “non a única” e apelou á existencia de “múltiples canles para a expresión e a participación política cidadá”. Asumiu erros na Xunta, mais defendeu que o bipartito abriu a porta a “esperanzas e mudanzas” e confiou no rexurdimento dun Bloque forte. Nesa liña argumentou que a democracia require “unha permanente reflexión e ampliación” e recomendou unha “separación” entre os movementos sociais e os partidos políticos”, se ben apuntou á necesaria “interrelación” de ambos axentes sociais.

Sumar, non restar
As achegas que durante toda a xornada fixeron os diferentes poñentes versaron sobre a necesidade de buscar novos vieiros para a esquerda nacionalista, sobre as vías de fortalecemento e interactividade entre movementos sociais e partidarios e mesmo sobre a idoneidade de crear un novo actor político que superase os endémicos problemas que puidera presentar o actual Bloque Nacionalista Galego. Así, relatores como Xavier Ron subliñou que “fronte á explotación capitalista, precisamos sumar, non restar”: “cómpre que nos transformemos tamén nós mesmos”, dixo, “para eliminar os vicios que nos obstaculizan”.

Ao respecto destes vicios, Xoán Hermida (da ONG Amarante), subliñou que o principal problema do nacionalismo é “o sectarismo”, que cualificou como “a infantil enfermidade da esquerda galega” e avogou por “un proxecto radical no político pero non no ideolóxico”. Máis alá de moitas e moi interesantes intervencións, unha das conclusións presentouna Manuel Casal Lodeiro: “o reloxo corre contra nós”, dixo defendendo a recuperación da soberanía por parte do pobo. Esta actitude foi reclamada por boa parte dos participantes: “promovermos unha cultura da participación en que nos escoitemos e en que non defendamos o noso polo feito de o ser”, concluíu Goretti Sanmartín, “senón por representar unha cuestión xusta e eticamente irreprochábel”.


4.6/5 (25 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: