Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A un ano das eleccións municipais

A dereita consuma no Porriño o asalto ao poder

A Casa do Concello d'O Porriño acolleu o pleno extraordinario da moción de censura apoiada por PP e outros dous grupos.

Redacción / EP - 17:30 01/02/2010

Nelson Santos, líder de Ciudadanos por Porriño, é o novo alcalde do Concello do Porriño. Sóbeno ao posto os tres votos da súa formación xunto cos catro do PP e os dous de Independientes de Porriño. Deste xeito, a dereita suma forzas despois das últimas escisións e bota fóra da alcaldía o até de agora rexedor, o nacionalista Raúl Francés. Previsiblemente, o propio Nelson Santos será o candidato do PP nas próximas eleccións municipais, en 2011, logo do acordo tácito admitido polas tres formacións para que os conservadores porriñeses acudan baixo as mesmas siglas nesa cita coas urnas.



11h: Nelson Santos, líder da formación Ciudadanos por Porriño, será o novo rexedor deste concello desde este luns, unha vez que se vote a moción de censura que avalarán os votos do seu propio grupo (tres edís) xunto cos 4 do PP e 2 da formación Independentes do Porriño. Un total de nove votos sobre unha corporación con 17 asentos. A dereita porriñesa xunta así forzas nun movemento que, aseguran, reeditarán en breve para acudir en 2011 conxuntamente e baixo as mesmas siglas, as do PP, á cita coas eleccións municipais.

Os asinantes da moción xustifican a súa iniciativa referíndose á presunta "parálise" que, ao seu xuízo, está a sufrir o municipio durante o mandato do nacionalista Raúl Francés. Pola súa banda, o alcalde insiste en que os representantes da dereita se limitan a unha "repartición de postos e cargos onde para nada falaron de proxectos nin fixeron críticas de peso ao goberno". De paso, refírese a esta acción como unha "operación que foi teledirixida" dende o PP para que o presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, "non perda a Deputación". Pola súa banda, o grupo municipal do PSdeG, con tres edís na corporación, tamén denunciou recentemente que a moción se fai "en clave provincial". O seu voceiro, Iván Vaqueiro avanzou que a formación socialista continuará no seu labor de oposición, que será "construtiva e vixiante".

Ao tempo, o grupo municipal do BNG d'O Porriño presentou o venres no rexistro municipal un recurso contra a convocatoria do pleno extraordinario xa que, segundo indicou, a presentación desta iniciativa incumpre "gravemente" as condicións que marca a lei porque nos escritos entregados non figura a sinatura de ningún dos nove concelleiros que impulsan a moción. Ademais, o BNG afirmou que a documentación debe ser presentada por algún dos edís que a subscriben e explicou que, neste caso, foi un notario quen compareceu no concello para tramitar a celebración deste debate plenario, polo que entende que "existen dúbidas máis que razoábeis" de que a votación que se realice este luns teña validez legal, dado que foi unha notaría quen convocou ao pleno e non un representante municipal.


3/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: