Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Montoro pide suprimir competencias autonómicas

O PP desautoriza a Feijoo e ofrécelle colaboración ao PSOE a prol de fusións interrexionais

Ao tempo que Caixanova se arrima a Caja Cantabria e que a Caixa Galicia séguelle facendo as beiras Caja Madrid.

R.N - 18:30 04/02/2010
Cristóbal Montoro é o coordinador da área económica do PP

Cristóbal Montoro é o coordinador da área económica do PP


A actualidade segue converxendo cara a un escenario que facilitaría a fuxida a mans foráneas das entidades financeiras galegas. O probábel recurso do goberno español á lei de caixas aprobada polo Parlamento xa é na práctica un obstáculo para o acceso ao fondo de reestruturación da entidade resultante da potencial fusión de Caixa Galicia e Caixanova. Recordemos que a Comisión Europea puxo como límite o mes de xuño para o acceso a estas inxeccións de liquidez do Estado, e o atranco xudicial levaría a disputa máis aló desa data, botando por terra a operación.

Mais a belixerancia oficial do PPdeG fronte a este obstáculo contrasta coa posición oficial da dirección do Partido Popular. O gabinete de Mariano Rajoy, que gardaba un discreto silencio nas últimas semanas deixándolle facer aos de Feijoo, sacou outra vez este xoves á luz as regras que prefire para a partida. Así, o voceiro da área de Economía do PP, o ex ministro Cristóbal Montoro, explicou diante dos micrófonos da Cadena Ser que a súa formación é partidaria de reducir as competencias autonómicas en materia financeira. Sinalou Montoro que se trataría dunha medida "excepcional" no actual contexto de crise para facilitarlle ao goberno español que "tome a iniciativa para reordenar o mapa de caixas". A manobra de supresión competencial evitaría así as supostas "presións" dos gobernos autonómicos e permitiría a Madrid "promover esas fusións que doutra maneira quedan sempre no mesmo territorio", engadiu Montoro subliñando a súa posición a prol das chamadas fusións "interrexionais".

"Non se pode ir polas boas"
Preguntado especificamente polo caso galego, onde a outra parte en conflito é xustamente o goberno do seu partido liderado por Núñez Feijoo, o ex ministro afrouxou a belixerancia, indicando que é "un caso no que os gobernantes autonómicos exercen a súa responsabilidade cunha visión como eles entenden que debe ser". Mais de igual xeito, amosouse implacábel na súa análise e afirmou que "esta é a España das autonomías, para o bo e para o malo, e para iso está o goberno de España". Ao fío, teimou en que o goberno español ten "a responsabilidade de ordenar o crebacabezas" financeiro e nesa liña ofreceu a colaboración do PP. Unha man tendida que tería o obxectivo inmediato de mudar a lei de caixas e que, engadiu, "xa se debera ter feito". "O saneamento das caixas vai demasiado lento, demasiado polas boas", queixouse Cristóbal Montoro.

Non é a primeira vez que o máximo responsábel da área económica do PP se pronuncia neste sentido. De xeito específico, o ex ministro pasa por ser un dos principais valedores da operación de fusión a tres bandas que deixaría a Caixa Galicia baixo o acubillo de Caja Madrid nunha macrofusión na que entraría tamén a Caja de Ahorros del Mediterrráneo (CAM). Manobra que crearía un poderoso músculo financeiro a nivel estatal controlado por tres gobernos que, no momento actual, están liderados polo PP.


Ligazóns

1.78/5 (9 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: