Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
Reunidos en Expolangues 2010

Galiza, Euskadi, Cataluña e Baleares reclaman conxuntamente na UE a prol do multilingüismo

No salón internacional das linguas, en París, representantes dos catro gobernos acordan trasladar un documento común á Comisión Europea.

Redacción - 12:05 05/02/2010

"É indubidábel que o multilingüismo constitúe, non só un reto, senón, principalmente, unha oportunidade para a construción dunha Europa máis competitiva, máis rica e tamén máis cohesionada social e territorialmente". Así o asinan os gobernos de Galiza, Euskadi, Cataluña e Baleares, reunidos en París con motivo da feira Expolangues 2010. Xuntos, acordaron reclamar de forma que a axenda económica de Europa do 2020 promova o multilingüismo. E ao fío enviaranlle á Comisión Europea un documento no que destacan "as oportunidades" que se abren co recoñecemento da diversidade lingüística que consideran "ineludíbel".

Membros dos catro gobernos, no caso galego a representación correspóndelle á Secretaría Xeral de Política Lingüística, adoptaron estas decisións no seu encontro na capital francesa no que acordaron un plan de traballo para este ano que inclúe actuacións conxuntas, no marco do protocolo de colaboración en materia de política lingüística que teñen subscrito. Nun comunicado, destacan a súa "vontade de participación na consulta promovida pola Comisión Europea a raíz da elaboración da axenda económica para a Europa do 2020, que fixará as liñas estratéxicas de actuación e de inversión da UE no ámbito económico, visto que no documento exposto a consulta non se inclúe ningunha referencia ao multilingüismo e a diversidade cultural".

No manifesto subliñan como "ineludíbel" que a axenda económica de Europa para o 2020 conteña unha liña estratéxica de actuación "para a promoción das habilidades lingüísticas da cidadanía, co que poderán acceder en mellores condicións ao emprego e á mobilidade". A través da súa participación en redes europeas de promoción da diversidade lingüística como a NPLD (Network to promote Linguistic Diversity), da que forman parte a Xunta, a Generalitat de Cataluña, e o Goberno vasco, ou a través das súas respectivas unidades de política lingüística, acordaron "actuar conxuntamente para asegurarse unha maior influencia na incorporación na axenda económica para Europa 2020 dunha liña estratéxica de promoción do multilingüismo".

"Unidade e diversidade"
Para os gobernos vasco, catalán, galego e balear, "o recoñecemento da diversidade lingüística pon a énfase na 'unidade e a diversidade', lema da UE, é dicir, a humanidade compartida inherente nas nosas diferenzas", e desta forma, refórzase a cohesión social e foméntanse "novas formas de gobernanza democrática". "O multilingüismo é un valor fundamental da Unión Europea e un principio fundamental para a unidade, a diversidade, a eficacia; supón máis e mellores oportunidades e acceso ao emprego, aos servizos e ao exercicio dos dereitos dos cidadáns, e contribúe á solidariedade a través do fortalecemento do diálogo intercultural e a cohesión social", sinalan.

Ademais, recordan informes como o da Comisión Europea sobre A Economía Europea da Carencia de Coñecemento de Linguas Extranxeiras, ou o último informe de UNESCO sobre A Inversión na Diversidade Cultural e o Diálogo Intercultural, nos que se considera que "as linguas son fundamentais para impulsar a necesaria mellora da competitividade de Europa" porque "impregnan todos os sectores da economía, dende a mercadotecnia e a publicidade ata o financiamento e a xestión empresarial".

"O coñecemento de linguas implica negocio, oportunidades e mobilidade, tres elementos fundamentais para un maior crecemento e empregabilidade", aseguran. O documento incide, así mesmo, en que "a promoción das linguas de Europa debe realizarse con independencia da súa extensión, a súa vulnerabilidade e de consideracións políticas, coa fin de que todas as comunidades lingüísticas poidan participar na construción de Europa en pé de igualdade". "O novo Tratado de Lisboa especifica a dimensión cultural da UE", expoñen. "As linguas, polo tanto, deben estar presentes na axenda EU2020 se queremos unha Europa máis forte e máis competitiva", conclúe.


4.2/5 (5 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: