Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
LINGUA

O PPdeG non quere consenso para sacar adiante o decreto porque se sente apoiado polos "800 mil votantes"

Os conservadores pecháronlle a porta á creación dunha comisión parlamentaria, tal e como tiña pedido o Consello da Cultura.

Redacción - 10:30 10/02/2010

Non hai volta atrás. O PPdeG derrogará o decreto e manterá o “equilibrio total” entre galego e castelán. Este mesmo martes, os de Feijoo pecharon unha das últimas portas abertas para lograr unha normativa consensuada. Os deputados conservadores votaron en contra dunha moción do PSdeG que solicitaba a creación dunha comisión parlamentaria para tratar de chegar a un acordo, tal e como pedira dúas semanas antes o propio Consello da Cultura.

A estratexia dos “populares” pasa por presentar diante da sociedade un posicionamento monolítico. Logo de ver como a práctica totalidade das organizacións sociais e políticas do país rexeitan unha reforma que consideran un paso atrás para a lingua autóctona, o PPdeG péchase no apoio electoral que recibiu nas urnas o pasado 1 de marzo. O deputado vilalbés Agustín Baamonde, encargado de intervir no debate sobre a moción dos socialistas, reiteraba esta idea no Parlamento: “Non nos sentimos sós no asunto da lingua, temos detrás 800 mil votos”.

Os populares intentaron outra volta rachar a fronte común de socialistas e nacionalistas contra os plans do Goberno. Baamonde acusou ao PSdeG de estar “desorientado” e de agocharse detrás das teorías da “imposición” do BNG. Fronte a isto, o PSdeG lamentou a “radicalización” dunha formación conservadora que estaría de costas á maioría da sociedade.

O nacionalista Bieito Lobeira fixo fincapé en que incluso algúns cargos locais do PPdeG non están cómodos cos plans do executivo e reiterou que a misión última dos dirixentes “populares” é “estigmatizar” a lingua propia do país. Para Lobeira a actitude de Feijoo ten que ver coas directrices que o seu partido envía dende Madrid.


2.33/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: