Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
Manifesto de docentes galegos, vascos e cataláns

A favor das linguas nacionais, pola igualdade lingüística

Mestres de Galiza, Euskadi e Cataluña colaborarán en prol da defensa das respectivas linguas e en protesta polo "monolingüísmo español que enxalzan algúns grupos de presión".

Redacción - 11:00 17/02/2010
Fotografía de Roberto Roget, gañadora de Unha Imaxe para o Galego 2008

Fotografía de Roberto Roget, gañadora de Unha Imaxe para o Galego 2008

O desenvolvemento de planificacións lingüísticas baseadas na utilización vehicular da lingua propia non só non vai contra a liberdade lingüística de ninguén, "senón que contribúe a garantir precisamente esa liberdade lingüística a partir do seu coñecemento, da súa valoración e do seu uso social". Así acontece noutras partes do mundo onde conviven sociedades plurilingües e así o subliñan nun documento conxunto cinco sindicatos de traballadores do ensino: o STEG-Galicia; STEE-EILAS, de Euskadi; STEPV, do País Valencià; STEII-I, das Baleares e USTEC-STEs- Catalunya.

Representantes destes cinco colectivos reuníronse a comezos de mes en Valencia, nunha xuntanza de traballo onde acordaron estabelecer liñas de colaboración. De xeito especial, unirán forzas a prol da consolidación e protección da lingua propia nas escolas de cada país. Con esa meta achegaranlle propostas comúns aos grupos parlamentarios do Congreso e dos respectivos parlamentos. O primeiro paso dado nesta xuntanza, que cavilan repetir anualmente, é un comunicado conxunto en defensa das linguas propias.

Educar no respecto ás linguas propias
O texto advirte do "monolingüísmo español que enxalzan algúns grupos de presión" e censura "as actuacións que algúns gobernos impulsan contra o catalán, o galego e o éuscaro". Os sindicatos asinantes insisten en que para os cativos a consecución dunha boa competencia comunicativa na lingua propia dos seus países prepáraos para un mundo multilingüe, "independentemente de cal sexa a súa lingua familiar". E engaden, "estas son as funcións da escola: asegurar a competencia lingüística, contribuír á desaparición das desigualdades e educar no respecto cara ás linguas propias".

"O devandito exercicio de uso pleno das nosas linguas non causa prexuízo ningún ao castelán, lingua que ten un espazo propio plenamente normalizado e que conta con máis de 400 millóns de falantes, así como coa axuda daqueles estados nos cales é lingua oficial", indican. Por este motivo, chaman a non poñer atrancos no camiño da normalización de galego, éuscaro e catalán. Unha normalización que, apuntan, "non só debe remontar séculos de illamento, desprestixio e prohibición, senón tamén mesmo a situación xurídica actual, claramente desigual: mentres que da oficialidade do castelán se deriva un deber constitucional de coñecelo que se aplica a toda a cidadanía, da oficialidade das nosas linguas non se deduciu un deber semellante, o que repercute nunha evidente discriminación xurídica e nunha grave desvantaxe para a xeneralización do seu coñecemento e uso".


Ligazóns

4,68/5 (25 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: