Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
EN OVIEDO (Asturias)

Este é o dedo medio do Aznar

O ex presidente do goberno español responde aos berros de "fascista" e "asasino" duns estudantes.

Redacción - 17:45 18/02/2010

Poucas figuras teñen a especial habilidade que atesoura o ex-presidente do goberno, José María Aznar: a de concitar case a partes iguais odios e amores. E este xoves volveu demostralo nun acto organizado por Nuevas Generaciones na Facultade de Económicas da Universidade de Oviedo.

Entre aplausos e apupos
O auditorio do centro estivo ateigado de persoas que se achegaron a escoitar a súa intervención sobre a crise económica, mais ademais de aplausos, o actual presidente da FAES recibiu un feixe de apupos e insultos. Aznar tivo que entrar ao recinto pola porta de atrás do edificio, para non coincidir cunha vintena de mozos que o increpaban ao berro de “fascista”, “asasino” e “terrorista”. Xa na porta do salón de actos, outros estudantes recibírono con pancartas e berros como “Anzar, fascista, ti es o terrorista” ou “Aznar, ao talego como Vera e Barrionuevo”.

Xa durante a conferencia, a intervención do ex-presidente foi interrompida en diversas ocasións con insultos como “criminal” ou “mentireiro”. Entón, Aznar fixo unha alusión aos manifestantes, restándolle importancia: “non pasa nada”, dixo ao tempo que outras voces berraron “presidente, presidente”, e concluíu “hai algúns que seguen empeñados en demostrar que non poden vivir sen min”.

Ao remate da súa intervención, na que cuestionou a capacidade de Rodríguez Zapatero para dar unha saída á actual situación de crise económica, retirouse rapidamente, acompañado dos organizadores do evento. Foi entón cando ensinou o dedo medio os estudantes que se estaban a manifestar e que continuaban insultándoo. Á súa saída, os asistentes á conferencia, partidarios seus, enfrontáronse verbalmente co grupo de manifestantes.


4,43/5 (14 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: