Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
Reacción

Rosa Díez, persoa non grata nas redes sociais

Nas últimas horas creáronse varios grupos con máis de mil persoas inscritas condenando as declaracións da líder de UPyD.

Redacción - 10:21 25/02/2010

As declaracións de Rosa Díez sobre o significado "pexorativo" de "galego" provocaron intensas reaccións nas redes sociais de internet. Así, por exemplo, no Facebook, onde xa existían grupos en contra da líder de UPyD, creáronse nas últimas horas páxinas sobre o asunto de actualidade.

Entre os grupos sobre Díez podemos atopar "Convertamos Rosa Díez nun insulto", que se achega aos mil membros, cantidade que supera "Rosa Díez, non veñas nunca a Galiza, paleta", mentres que "Rosa Díez, persoa non grata en Galiza (en sentido pexorativo, claro)" chega ás 800 persoas apuntadas.

Máis éxito ten o grupo "Seguimos buscando en van un galego cun CI inferior ao de Rosa Díez", con case dúas mil inscricións, o de "A que espera a Xunta de Galicia para declarar persoa non grata a Rosa Díez", con 1.200, aínda que o máis numeroso é "Eu tamén creo que Rosa Díez é 'gilipollas' no sentido pexorativo da palabra", con máis de 2.500 seareiros.

Tamén é posíbel seguir ao vivo as impresións arredor da deputada española no Twitter, con tan só procurar o seu nome, o mesmo podemos facer na rede social galega Latri.ca, aínda máis monopolizada polo tema.

Reaccións do mundo da cultura
Sectores da cultura e da sociedade do país tamén criticaron as declaracións de Díez, que fontes do seu partido evitaron matizar. O secretario do Consello da Cultura, Henrique Monteagudo, lembrou, en declaracións a Europa Press, que Rosa Díez xa é "reincidente" no uso "pexorativo" do termo e vinculouno aos "estereotipos" e "prexuízos" resultantes da "discriminación histórica" de Galiza e criticou que haxa "xente mesmo con responsabilidades públicas" que poñan ao día "estes estereotipos e a mala convivencia". Engadiu que "este tipo de cousas en Madrid dan votos".

A Real Academia Galega evitou analizar unhas declaracións que se "desvalorizan por si mesmas" e que "revelan a mentalidade arcaica de quen as di", aínda que lembrou a eliminación da acepción pexorativa de "gallego" por parte da Real Academia Española.

O escritor Suso de Toro pediulle a Rosa Díez que "reflexione" sobre "como ve ela os demais" e considerou que as súas declaracións "demostran unha cultura chea de prexuízos xenófobos". "Eu penso que debería sentir vergoña e pedir perdón", aínda que "é unha persoa que non ten a capacidade de ter esa responsabilidade", asegurou.

Por outra banda, Antón Baamonde, voceiro de Galego, Patrimonio da Humanidade afirmou que "hai cousas bastante peores" que o comentario en si, que "revela os prexuízos" de UPyD sobre "o seu concepto do Estado Español", na que "os idiomas distintos do castelán non collen". Dende Queremos Galego, Fran Rei considerou as palabras unha "visión absolutamente tópica" e "ofensiva" do "que son os galegos" e considerounas "impropias dun partido que se presenta ás eleccións e que aspira a gobernar".


4.67/5 (21 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: