Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A OUTRA CARA DA CRISE

Despois de gañar 1.200 millóns en 2009, Unión Fenosa propón agora reducir 500 postos de traballo

Gas Natural suxire uns despedimentos incentivados, que acarrearían custes para o erario público.

Redacción - 09:50 27/02/2010

As contas das grandes empresas son, cando menos, sorprendentes. Un exemplo é o que está a pasar na eléctrica Unión Fenosa (propiedade de Gas Natural). Os donos da compañía propoñen reducir 500 dos 12 mil postos de traballo actual a través de despedimentos incentivados. Esta práctica, na raia da legalidade, consiste en pactos entre empregados e patronos. Con ela, o traballador percibe unha indemnización moi superior á que prevé a lei. Ademais o operario cobraría o paro que lle corresponde. Posteriormente o traballador tería que seguir cotizando á Seguridade Social para ter a pensión correspondente (ben laborando noutra empresa ou ben chegando a un acordo directo coa administración).

Os sindicatos amosaron a súa sorpresa. O principal motivo é que Unión Fenosa declarou que en 2009 tivo uns beneficios de 1.195 millóns de euros. Un dos representantes da CIG na eléctrica, Bautista Vega, xa anunciou que este sindicato non está disposto a aceptar a proposta da empresa xa en números finais prexudica aos traballadores e á propia caixa da Seguridade Social, que tería que pagarlle o paro a operarios despedidos dunha empresa con múltiples beneficios.

A manobra de Gas Natural en Unión Fenosa é habitual en grandes empresas que aproveitan as prexubilacións encubertas para ampliar os seus beneficios. De feito, este mesmo mes, o ministro de Traballo, Celestino Corbacho, mostrouse partidario de prohibir que empresas con beneficios empreguen uns mecanismos que supoñen unha carga máis para as contas públicas.


5/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: