Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Balance do ciclón: A Xunta valora a prevención

O 112 atendeu perto dun milleiro de incidencias relacionadas co 'Xynthya'

Aínda que afectou con menos intensidade da esperada, causou a morte dunha muller de 83 anos, e un home golpeado por unha estada permanece en observación.

Redacción - 10:25 28/02/2010
O vento soprou menos do esperado

O vento soprou menos do esperado

O Centro de Atención ás Emerxencias 112 atendeu este sábado perto dun milleiro de incidencias relacionadas co temporal de vento e chuvia Xynthya que durante a tarde afectou o territorio galego con menos intensidade da esperada, segundo datos actualizados que facilitou a Xunta este domingo. 

No entanto, unha muller de 83 anos morreu en Vilar de Barrio (A Limia). Ademais, un home está en observación no hospital de Vigo logo de se ferir ao caer unha estada na localidade de Tomiño (Baixo Miño).

O resto de incidencias están relacionadas con caídas de árbores e cabos da luz en estradas, bolsas de auga e inundacións de garaxes, baixos, rúas e estradas.

Por exemplo, en Sanxenxo o vento levantou o tellado dun pavillón nun centro escolar. En Verín, o río desbordouse e anegou a rotonda da autovía que vai cara a Chaves. En Chantada inundouse unha vivenda comunitaria de anciáns e en Boiro resultou afectado pola auga o colexio público.

Ademais, os alcaldes de Forcarei e de Cerdedo (Tabeirós-Terra de Montes), David Raposeiras e José Balseiros, respectivamente, reuniranse este luns para avaliar os "cuantiosísimos" danos materiais. Na estrada Cachafeiro-Vilapouca formouse unha gran fochanca polo embalsamento de auga que arrasou, monte abaixo, varias pontes medievais e muíños, e esnaquizou a praia fluvial de Cerdedo.

Subministración eléctrica

Unhas 27 mil persoas ficaron sen subministración eléctrica. Á ultima hora da xornada, a cifra reducírase a 22 mil. As zonas máis afectadas por estas avarías son O Rosal (Baixo Miño), Salvaterra (O Condado) e Gondomar (Vigo, así como nas bisbarras das montañas do sueste do país.

En canto aos encoros, abríronse as comportas en Belesar, nos Peares, en Pumares e o de Barrié de la Maza. Todos os concellos situados río abaixo foron avisados para prever posíbeis inundacións, tal e como sucedeu no desbordamento do río Támega.

147 km/h en Vigo

Nas zonas de montaña rexistráronse os maiores refachos de vento, que rozaron os 200 quilómetros por hora. A cidade de Vigo rexistrou un máximo de 147 quilómetros por hora. A chuvia deixou na localidade de Zas (Terra de Soneira) 56 litros por metro cadrado, o máximo contabilizado no país.

Valoración da Xunta
O conselleiro de Presidencia, Afonso Rueda, compareceu este domingo para facer balance dos efectos da borrasca, unha análise preliminar en que destacou tres factores que contribuíron a que "non teña a gravidade que podería ter noutras circunstancias".

Desta forma, agradeceu o "magnífico traballo" dos servizos de prevención e emerxencia, felicitou a cidadanía "por cumprir as directrices e recomendacións" da Xunta e fixo referencia a a "virulencia" do fenómeno meteorolóxico "non foi a esperada", "felizmente". Esa virulencia demostrouna Xinthya, en troques, este domingo ao seu paso por Francia.


2.33/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: