Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
Previsións desacertadas

En 1995, internet seica ía "fracasar"

Un blog revive un artigo publicado en Newsweek hai 15 anos que aseguraba que o mundo virtual non triunfaría pola falta de contacto humano.

Redacción - 12:45 01/03/2010

Hai exactamente 15 anos, Newsweek publicaba un artigo moi pouco optimista sobre o futuro da internet. Grazas ao blog Three Word Chant podemos recuperar aquel texto, que hoxe pode parecer bastante inxenuo, aínda que algúns dos argumentos se seguen a escoitar na actualidade.

Así, non se confiaba en poder ler as novas a través da web fronte aos xornais en papel, nin nas posibilidades educativas da informática ou na administración electrónica. Mesmo se amosaba escepticismo fronte ás afirmacións do 'gurú' Nicholas Negroponte, que confiaba na venda de libros e de xornais a través da rede.

A reportaxe, escrita por Clifford Stoll titulábase "Por que o ciberespazo non é, e nunca será o nirvana". O autor preséntase como un experto no mundo das redes pero que non lle ve futuro ao mundo virtual como substituto do real. O certo é que as limitacións que tiña a rede nos anos 90 fóronse superando e que as posibilidades aumentaron en 15 anos.

Así, alude á enorme cantidade de información que se pode atopar na rede e á súa escasa organización fronte á que ofrecen os medios tradicionais. O que non tiña en conta foi a posterior aparición de xeitos de organizar a información de xeito colaborativo, a partir das redes sociais, ou escollendo fontes de información a través dos RSS, por exemplo.

Tamén se refire a eivas como a incomodidade que supón ler textos nun computador, ou aos cortes constantes da conexión e as limitacións dos servidores da época. Naquel momento, ademais, as experiencias que se puxeron en marcha arredor da democracia electrónica fracasaron polo escaso interese dos internautas. Así mesmo, introducir computadores nas aulas resultaba extremadamente caro e precisaba da formación do profesorado.

Sobre o comercio electrónico, o autor do artigo amosábase reticente a pagar a través da internet e a mercar algo sen ter un vendedor diante. A falta de "contacto humano" e o "illamento" que producirían os computadores eran, para Stoll, un dos principais motivos do seu irremediábel fracaso. Faltoulle prever que as relacións sociais na rede non substituirían, senón que complementarían, e mesmo potenciarían, as da rúa.


1.67/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: