Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ANÁLISE

Que pode facer a Xunta ante o incremento do paro?

Mentres o PPdeG defende a posta en marcha de políticas activas de emprego, PSdeG e BNG acusan á Xunta de desatender os sectores produtivos do país.

Isabel G. Couso - 13:08 02/03/2010


“Facer do emprego a máxima prioridade do Goberno e elaborar un plan estratéxico na economía para loitar contra a crise e que estea centrado nos sectores produtivos”. Este era o primeiro compromiso do contrato asinado por Alberto Núñez Feijoo aínda como candidato á Xunta de Galiza. Pasou un ano dende que asumise o cargo de presidente e o número de parados incrementouse en 27.600 persoas (un 13,3%), é dicir, unha media de 75 persoas perderon o seu traballo cada mes. As estatísticas non menten mais, cal é a verdadeira responsabilidade do Goberno? Ten a Xunta a capacidade suficiente como para mudar esta situación ou obedece ás ineficientes políticas estatais? É este dramático panorama laboral reversíbel ou atende á irredutíbel crise?

Competencias en Galiza
A Xunta carece de competencias en materia laboral, que é xestionada directamente polo goberno estatal. A súa marxe de manobra redúcese, en palabras de Alberto Sueiro (voceiro de Traballo do PPdeG), ás chamadas Políticas Activas de Emprego (PAE). “Non é cuestión de botarnos as culpas aos uns os outros”, subliña ao tempo que defende que tanto o executivo español como o galego “debemos traballar na mesma dirección”.

No concreto, as PAE son o conxunto de programas e medidas de orientación, emprego e formación que teñen por obxecto mellorar as posibilidades de acceso ao mercado de traballo. Nesta liña, o PPdeG defende a súa capacidade de xestionar este eido: “a Xunta está a poñer en marcha programas de ensino, subsidios para parados ou medidas que ofrecen facilidades aos empresarios á hora de contratar”.

Máis marxe de manobra para a Xunta?
Porén, para o responsábel de emprego do PSdeG, Xosé Tomé Roca, a Xunta debería aproveitar máis a súa marxe de manobra, que considera maior. “O que falta aquí é un verdadeiro impulso”, di, “a normativa estatal é a mesma para todas as comunidades autónomas e sen embargo o emprego compórtase de xeito diferente nunhas e noutras”. Nesa liña, recorda que nos pasados meses a taxa de crecemento do paro galega chegou a duplicar a española e acusa o Goberno de “parálise total en materia de emprego”.

Tomé Roca tamén lamenta que “o que fai o PPdeG é facer oposición dende Galiza ao goberno de España” e acusa á Xunta de “falta de capacidade de resposta”. Nesta liña, recorda a abstención do PPdeG na conferencia sectorial celebrada en Madrid alegando pouco tempo no cargo, o que “fixo que Galiza perdese 60 millóns de euros”; ou a súa actuación tamén “despreocupada” con respecto ao Plan Integral de Emprego, do que o Goberno galego só puido acadar 12 mil euros (a metade do que se lle viña concedendo).

Políticas transversais
Tamén Carlos Aymerich (portavoz parlamentario do BNG) considera que a Xunta pode facer máis do que fai en materia laboral e ao deseño das Políticas Activas de Emprego engádelle a súa capacidade de acción en materia industrial e con estratexias transversais. “En troques de crear emprego público, que podería satisfacer demandas concretas (por exemplo mulleres ou desempregados de longa duración), o que se fixo foi demantelar o xa existente”, di en referencia ao Consorcio de Igualdade e Benestar.

A maiores acusa á Xunta de colaborar na deslocalización de moitas empresas, como o caso de Sykes ou Caramelo. Neste último exemplo, “a Xunta autorizou un ERE que levará canda si o traslado da produción a outros países” e, aínda máis, “Industria outorgoulle unha axuda de cinco millóns de euros en concepto de internacionalización da empresa, un proceso que non é outro que a deslocalización da súa produción”.

E os sectores produtivos?
Alén dos sectores máis tradicionais, dende que comezase esta lexislatura, o Xacobeo foi reivindicado como oportunidade contra a crise. Así o defende tamén Alberto Sueiro: “témolo que utilizar como panca como feito diferencial que é”, mais asegura que a Xunta aposta tamén por outros sectores estratéxicos, entre os que nomea a automoción e a súa industria auxiliar, o clúster da pedra natural ou o traballo vencellado coa sustentabilidade ambiental.

Non obstante, a xestión do ano Xacobeo é, dende hai tempo, unha cuestión ben criticada pola oposición. “Non está ben organizado”, di Tomé Roca, quen lamenta que “neste tema, como noutros sectores como por exemplo o rural, estase a traballar a rebufo doutras comunidades autónomas, sen ideas propias”. Ademais, segundo Aymerich “é unha mostra do xeito de actuar deste Goberno que até os contratos que xestionan os recursos publicitarios do Xacobeo se lle dan a empresas de fóra”.

Finalmente, Aymerich aposta por que Galiza invista na finalización dos ciclos produtivos e reivindica as “políticas postas en marcha polo bipartito, que apoiou ao sector da madeira, da pedra, o sector lácteo...”. Pola contra, “agora a maior subvención que concedeu a Xunta de Galiza no sector do leite foi a Entrepinares, unha industria de Valladolid”, di ao tempo que critica que “a Xunta xa non aposta pola industria galega”. De igual xeito, reivindica medidas no sector agrario ou o pesqueiro, onde tamén se reflicte unha importante cifra de abandono laboral.


4.64/5 (11 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



A loita contra o desemprego foi o primeiro dos compromisos que Feijoo asumiu no seu "contrato con Galiza"
A loita contra o desemprego foi o primeiro dos compromisos que Feijoo asumiu no seu "contrato con Galiza"
O PSdeG  recorda que a normativa estatal é a mesma para todas as comunidades autónomas, mais o emprego compórtase de xeito diferente nunhas e noutras
O PSdeG recorda que a normativa estatal é a mesma para todas as comunidades autónomas, mais o emprego compórtase de xeito diferente nunhas e noutras
O BNG acusa o Goberno de desmantelar o servizo público de emprego e de non apostar polos sectores produtivos do país
O BNG acusa o Goberno de desmantelar o servizo público de emprego e de non apostar polos sectores produtivos do país