Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
Chegará a 87 mil alumnos deica 2013

O proxecto Abalar pretende que as TIC viren as escolas en "centros educativos dixitais"

Centrado na dotación de equipamentos tecnolóxicos, a Xunta investirá 12 millóns de euros e fornecerá de computadores a 14.500 rapaces de Primaria e ESO.

Redacción - 11:00 06/03/2010

A introdución de conexións a internet nas escolas e o fornecemento de equipos informáticos veu sendo a prioridade tradicional das actuacións da administración no que lle toca a levar as tecnoloxías da información e a comunicación ás escolas. Progresivamente, os discursos insinúan novos pasos nese camiño que afonden en aplicacións concretas das TIC nas escolas. O proxecto Abalar agora presentado pola Xunta achega unha de cal e outra de area neste escenario.

Dunha banda, reitera a priorización da dotación de equipamentos informáticos, e deica 2013 anúnciase o esforzo tecnolóxico concreto para 700 aulas en 200 instalacións educativas do país. A Xunta espera que esta iniciativa chegue a un total de 87 mil alumnos e, inicialmente, arredor de 14.500 rapaces de Primaria e Secundaria terán cadanseu computador ultraportátil froito dun investimento de 12 millóns de euros en dotación de recursos, formación e ferramentas para a integración das TIC no ensino. O Goberno anuncia ademais que pretende a implicación das familias e de todos os membros da comunidade educativa no que pretende ser unha "modificación do sistema ensinanza-aprendizaxe". O proxecto contará cun portal web específico que serviría ademais para dar resposta ao alumnado con necesidades educativas específicas.

Na presentación da iniciativa, a secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, salientou que a idea se enmarca no programa 'eGoberno 2013' co que a Xunta procura a introdución dun novo modelo de prestación de servizos públicos. Ao fío, Pereira admitiu que a integración das TIC na práctica educativa "non consiste unicamente en dotar de infraestruturas tecnolóxicas ou equipar as aulas con ordenadores e encerados dixitais". Así, debullou que a posta en marcha do proxecto Abalar implica a medio prazo a substitución do concepto de "Centro Educativo" polo de "Centro Educativo Dixital", como aquel que posúe os recursos humanos e pedagóxicos, o nivel de conectividade e as infraestruturas de soporte suficientes como para permitir o uso dos dispositivos informáticos na actividade docente e de aprendizaxe.


3.6/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: