Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Críticas á viaxe de Arcebispado e Xunta

A visita galega ao Vaticano, exemplo de confusión Igrexa-Estado

A corrente cristiá Somos Igrexa denuncia a "laxa interpretación do concepto de Estado aconfesional" e dubida que a visita do Papa no outono sirva de algo.

Redacción - 11:25 09/03/2010

"Volve pórse en cuestión a existencia dunha verdadeira separación de Igrexa e Estado, así como unha laxa interpretación que se fai do concepto de Estado aconfesional que recolle a Constitución Española no seu artigo 16.3". Esta é a valoración que lle merece á corrente Somos Igrexa o modo no que se produciu a recente visita ao Papa no Vaticano. Recordámoslles que se trataba dunha visita privada do arcebispo de Santiago, Xulián Barrio, ao Pontífice, mais transcendeu na práctica como unha visita do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo. Unha situación que desde este colectivo consideran que "confunde a cidadanía e cuestiona o principio de separación de Igrexa e Estado".

Somos Igrexa-Galicia cre que non é lóxico que o arcebispado convide o presidente da Xunta a formar parte do seu grupo de acompañantes. "O Presidente da Xunta non pode esquecer que representa a todas/os galegas, independentemente da súa crenza ou relixión", afirman, cualificando de "inadecuado" o xeito no que se produciu o encontro. "Nunha sociedade, como a galega, que xa é na práctica multicultural e pluriconfesional, actuacións como estas amosan que non existe unha equidade de trato a todas as confesións relixiosas existentes no noso país", reprochan.

Por outra parte, admiten a importancia que podería ter para o sector turístico do país a visita do Papa a Galiza coincidindo co desenvolvemento do Ano Xacobeo 2010, per cuestionan a importancia da visita máis aló dese potencial como motor do turismo. "Agardamos que dende a xerarquía eclesiástica se aproveite para darlle un verdadeiro contido pastoral á mesma e que a axude a profundar nos verdadeiros retos que ten na actualidade a Igrexa galega", sinalan ao respecto.


Ligazóns

3.71/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: