Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
ANTEPROXECTO DO DECRETO DE LINGUAS

Educación marca o idioma das troncais e os centros terán que decidir as restantes

O texto presentado por Educación introduce algunhas mudanzas con respecto ao borrador e fixa materias que se impartirán obrigatoriamente nunha ou noutra lingua. O idioma vehicular no ensino infantil será o maioritario entre os alumnos. En Primaria e Secundaria os pais terán certa marxe de decisión para facer cambios cada catro anos.

Redacción - 13:45 13/03/2010

Logo dun ano de intenso debate político e social, a Consellaría de Educación xa ten enriba da mesa unha proposta firme para substituír o actual decreto de linguas no ensino non universitario. A Xunta propón un texto de “total equilibrio entre galego e castelán” e activa a tan polémica participación dos pais na elección do idioma no que se impartirán as materias. Pero, como vai ser concertamente esa distribución?

-Educación Infantil (3-5 anos):

O profesorado empregará como lingua vehicular a predominante entre o alumnado, “se ben procurará que os nenos e nenas adquiran o coñecemento da outra lingua oficial”. Como se determinará a lingua predominante? Cada centro fará unha consulta ao inicio desta etapa para coñecer cal é a lingua materna da maioría dos rapaces.

-Educación Primaria (6-11 anos):

A consellaría dá a seguinte pauta para as materias: Coñecemento do Medio deberá ser impartida en galego e Matemáticas en castelán.

Cada centro educativo decidirá en que idioma se dan o resto das materias, aínda que sempre mantendo o “equilibrio” entre os dous idiomas. Haberá unha consulta aos pais cada catro anos, se a metade máis un dos pais amosa unha opinión diferente respecto da proposta de repartición prevista no decreto, prevalecerá a opinión dos pais: é dicir, as familias de cada centro poderían obrigar a que Coñecemento do Medio se dea en castelán e Matemáticas en galego.

-Educación Secundaria Obrigatoria (12-16 anos):

En galego: Ciencias Sociais, Xeografía e Historia; Ciencias da Natureza; e Bioloxía e Xeoloxía.

En castelán: Matemáticas; Tecnoloxía; e Física e Química.

Ao igual que en Primaria, os centros distribuirán equilibradamente o resto das materias e os pais poderán cada catro anos intercambiar os bloques de materias obrigatorias nunha lingua.

-Bacharelato e FP:

Cada centro presentará cada catro anos un programa no que se distribúan a partes iguais o número de horas lectivas en galego e castelán

-Inglés e outras linguas estranxeiras
Fomentarase principalmente o inglés. Dunha maneira gradual e voluntaria, os centros que o desexen poden chegar a presentar un modelo trilingüe (1/3 de galego, un terzo de castelán e outro de inglés)

-“Liberdade de expresión lingüística dos alumnos nas aulas”

“Os alumnos serán libres para, coñecendo as súa linguas oficias de Galicia, expresarse na lingua oral ou escrita que consideren máis conveniente, salvo nas materias de lingua”. Esta premisa que defendeu dende o primeiro día o novo Goberno foi matizada en parte polo secretario xeral de Política Lingüística que revelou na conferencia de prensa deste sábado que “haberá orientacións pedagóxicas para que se procure que os rapaces empreguen a lingua que está marcada para a materia”

-Potenciar a lingua galega nas actividades extraescolares

Unha das novidades do último proxecto é que se introduce un punto no que se fala dunha “atención especial” para a “dinamización” da lingua do país fóra das aulas, especialmente en todo o que ten que ver coas actividades extraescolares que ofrecen os centros.


1.81/5 (27 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: