O voceiro dos nacionalistas sentenza: “Nunca tivemos un Goberno cun nivel tan baixo”.
Para o líder parlamentario dos nacionalistas, a primeira sesión do debate sobre o Estado da Nación estivo marcado por un feito: Núñez Feijoo confundiu o lugar e a hora e pronunciou un discurso máis propio dun debate de investidura. Aymerich sinalou que todas as promesas que fixo o presidente tratan de agochar todos os seus incumprimentos neste “cuarto de lexislatura”.
Dende o BNG subliñan que Feijoo non pode presentar xestión é que en todo o seu discurso non facilitou nin un só dato. Ao respecto, afirmou que dende hai un ano hai 30 mil parados máis e que a crise está a poñer contra as cordas a numerosos sectores.
Aymerich fixo fincapé en que o papel do presidente “lonxe de unir hai un país máis dividido ca nunca pola ofensiva suicida dos populares contra o galego”. Porén, o nacionalista lembrou que o Goberno vai ter sempre o apoio do BNG en cuestións como a de preservar a galeguidade das caixas.
“Nunca estivemos diante dun goberno cun nivel tan baixo, tan pouco rigor e con tanto grao de frivolidade”, concluiu, lembrando en todo caso que o verdadeiro debate daráse á tarde, cos discursos da oposición.