Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Reunión de Guillerme Vázquez e Puigcercós

BNG e ERC censuran "o xiro á dereita do señor Zapatero"

Durante a súa visita a Cataluña o voceiro nacional do Bloque coargou contra o PSdeG acusándoo de "aplaudir coas orellas un recurso contra o autogoberno" galego.

Redacción - 18:35 16/03/2010

As posicións respectivas diante do escenario de crise económica foron un dos asuntos dos que conversaron este martes en Cataluña o voceiro nacional do BNG, Guillerme Vázquez, e o presidente de Esquerra, Joan Puigcercós. Ao respecto da actual conxuntura, os voceiros de BNG e ERC coincidiron en expresar que non comparten o que cualifican de "xiro á dereita que está a impulsar o señor Zapatero supostamente para saír da crise". Vázquez reprochou a postura daqueles que "defenden a adopción de medidas impopulares pero sempre a condición de que esas medidas non se lles apliquen a eles ou ás súas familias".

"A saída popular á crise económica, popular non do PP, claro, senón da gran maioría social da poboación", ironizou o voceiro do Bloque, "pasa por meter en cintura os mercados internacionais de capital, por manter o poder adquisitivo dos salarios e por non elevar a idade da xubilación", resumiu. Os voceiros de BNG e Esquerra coincidiron en cualifican de "absolutamente inxusto" o modelo fiscal impulsado polo goberno español, acusándoo de cargar o groso da recadación sobre as rendas baixas e medias e facilitar que as grandes fortunas "sigan de vacacións". Alén da crise económica, o debate lingüístico e as caixas de aforro foron outros asuntos tratados polos dous dirixentes nacionalistas no seu encontro.

Defensa das caixas
Sobre as caixas de aforro, Vázquez insistiu na idea de que a loita do BNG a prol dun sistema financeiro propio de Galiza é un "cabalo de batalla". O portavoz nacional do Bloque advertiu que a súa formación seguirá dando "a batalla política e social para que as caixas de aforro continúen tendo o seu centro de decisión no noso país". Para Guillerme Vázquez, o goberno español estaría demostrando ter como obxectivo "o espolio do noso aforro".

Ao fío da cuestión zoupou contra o PsdeG-PSOE: "É paradoxal ver a un partido que se di galego aplaudindo coas orellas a presentación dun recurso de inconstitucionalidade contra unha lei do Parlamento". "O Goberno do Estado négalle a Galiza o dereito a dispor dun sistema financeiro propio, porque pensa que apenas lle vai ter custo político colocarse nesa posición", laiouse, "nós estamos empeñados en demostrarlle que se equivoca e en mobilizar a sociedade para defender os seus dereitos".

Vázquez e Puigcercós coincidiron na necesidade de preservar as caixas de aforro "que funcionan" e queixáronse de que o Fondo de Reordenación estabelecido para o sector (FROB) "supón un perigo latente para os modelos galego e catalán" de caixas.


3.67/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: