Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Debate sobre o Estado da Nación

Feijoo válese dunha tradución que Blanco Amor fixo dun discurso de Castelao para levar a auga ao seu rego

Con clara intencionalidade política, fixo uso dunha versión castelá das verbas do galeguista no Día da Patria de 1948, co fin de defender a igualdade entre linguas que viven en condicións desiguais.

Fernando Arrizado - 19:15 16/03/2010

"Desde las planicies de Lugo, llenas de abedules; hasta las rías de Pontevedra, orladas de pinares; desde las sierras nutricias del Miño o la garganta montañosa del Sil; hasta el puente de Ourense, donde se peinan las aguas de ambos ríos; o desde los cabos de la costa brava de Coruña, donde el mar teje encajes de Camariñas, hasta la cima del monte de Santa Tecla, que vence con su sombra los montes de Portugal, por todas partes surge una alborada de gloria. El día de fiesta comienza en Sant-Iago".



Como xa fixera en moitos outras ocasións, Alberto Núñez Feijoo volveu utilizar senlleiras figuras da historia do nacionalismo galego para adornar con áurea galeguista moitas das políticas que desenvolve o Executivo que preside, mais que camiñan ben afastadas das que, entre outros, propugnou Castelao.

No Día da Patria de 1948, o de Rianxo pronunciou un discurso no exilio americano, concretamente en Buenos Aires, do que fan parte as palabras (traducidas do galego) que encabezan este texto, e que aproveitou o presidente da Xunta na súa intervención deste martes no Parlamento.

Un discurso, Alba de Groria, que -tal e como explica Henrique Monteagudo, autor de numerosos estudos sobre a obra de Afonso Daniel Rodríguez Castelao e, en concreto, sobre este texto- foi elaborado ao longo de varios anos sendo a versión do 48, a definitiva.

Castelao, xa moi enfermo, le o texto o 25 de xullo ás 10.00 horas no Teatro Arxentino. As súas palabras -en galego- son retransmitidas pola emisora Radio Telefonía L.R.3 - Radio Belgrano, segundo relata Miguel Anxo Seixas, vicepresidente da Fundación Castelao. A Nosa Terra publícao por vez primeira no seu número 463. 

Non foi até o 2 de xaneiro de 1951, con Castelao xa morto, que aparece a primeira edición en castelán de Alba de Groria, nunha versión bilingüe de Ediciós Galicia, do Centro Gallego de Buenos Aires. Da tradución encargouse o escritor ourensán Eduardo Blanco Amor (a orixinal, en galego, é a que aparece na imaxe da dereita). Meses despois, en xullo, tamén sae do prelo de Ediciós Galicia unha outra versión bilingüe, neste caso, en galego e mais en éuscaro. 

Porén, o presidente do Goberno optou por levar ao Parlamento de Galiza, na altura de 2010, a versión en castelán para culminar -xunto con outra cita en galego de Lorenzo Varela- o seu Discurso no Debate sobre o Estado da Nación. Unha chiscadela máis á súa política lingüística, que obvia a desigualdade existente aínda a día de hoxe entre a lingua propia de Galiza e o castelán. E incide ademais no escarnio, argumentando que o fixo porque Blanco Amor era ourensán coma el, e que tamén "Blanco Amor" era o nome do instituto onde estudara.

"Provocación", di o BNG
"Debuxei sempre en galego; escribín sempre en galego; e se tirades o que hai de galego e de humano na miña obra non ficaría nada dela", lembroulle o portavoz parlamentario do BNG, Carlos Aymerich, a Feijoo na súa intervención citando palabras do propio Castelao. O deputado nacionalista cualificou de "provocación" a tradución, e atribuíuna á "obsesión" do presidente da Xunta coa lingua e cos sinais de identidade de Galiza.

Aymerich convidouno a voltar ao consenso, a abandonar o "empeño suicida" e a cumprir co seu deber legal de defender a lingua e a identidade propias do país. "Quen está só, só contra o galego, é vostede. Quen está só contra a maioría do país, incluídos moitos dos seus votantes, é vostede. Só, coa única compañía dos amigos de Rosa Díez en Galiza, os únicos que apoian o seu decreto", engadiu.


Ligazóns

3.07/5 (15 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: